Deputación de Lugo

Lara Méndez defende o traballo dos sindicatos durante a celebración do Congreso UXT Lemos-Valdeorras

Imaxe deputación de lugo
A Vicepresidenta Segunda salientou que UXT e Deputación teñen como obxectivo común a creación de emprego de calidade e mellorar as condicións de traballo dos lucensesLara Méndez agradeceu a loita do sindicato na provincia e criticou a política laboral da Xunta e Goberno Central baseada na baixada de salarios e recortes nos servizos Os comités de UXT Lemos e Valdeorras unificáronse nun congreso ordinario que se celebrou en Monforte e no que tamén se escolleu novo secretario

A Vicepresidenta Segunda, Lara Méndez, defendeu o traballo que desenvolven os sindicatos na actualidade e máis concretamente nos momentos de crise económica cando “o traballo dos sindicatos é fundamental para que non se amplíen, coa escusa da crise, as desigualdades entre os traballadores”. Lara Méndez fixo estas declaracións durante a celebración dun congreso ordinario dos Comités de UGT-Lemos e UGT-Valdeorras que tivo lugar este xoves en Monforte.

“A situación é grave, os galegos traballan máis horas e cobran menos que a media en España, polo que os sindicatos teñen que estar vixiantes”. A Vicepresidenta criticou a política laboral de Xunta e Goberno Central, baseada na baixada de salarios e recortes de servizos, que está a provocar que “as consecuencias da crise recaigan sobre os sectores máis desfavorecidos. Porque hai moitos traballadores que non teñen convenio colectivo, que teñen problemas coa súa xornada laboral ou non contan con contratos estables que lles permitan unha planificación familiar”. A Vicepresidenta remarcou que “vivimos un auténtico retroceso nos dereitos sociais e laborais. Ante esta situación, a principal tarefa dos sindicatos nestes momentos de crise é asegurar a protección dos traballadores”.

Fronte a estes aspectos negativos, Méndez agradeceu o traballo na defensa dos intereses dos traballadores desenvolto polo sindicato e insistiu en que UXT e Deputación comparten o obxectivo de crear emprego de calidade para os lucenses. A Vicepresidenta destacou as iniciativas postas en marcha pola Deputación para fomentar o emprego, mellorar a dotación de servizos e evitar a marcha de traballadores fóra da provincia. O Segundo Pacto Provincial polo Emprego, aprobado recentemente, a rede pública de residencias e centros de día o plan Fórmate en Verde ou a Granxa Gayoso Castro, son algúns dos exemplos que achegou.