Deputación de Lugo

Lara Méndez participa no San Froilán catalán, 'o mellor escaparate da marca Lugo fóra de Galicia'

É o festexo que, dende hai 19 anos, organiza a Asociación de Amigos do San Froilán, coa colaboración da Deputación de Lugo, no distrito barcelonés de Nou BarrisUnhas 50.000 persoas participan nesta cita recoñecida como a segunda festa máis importante da cidade condal despois da Merced

A Vicepresidenta Segunda, Lara Méndez, acompañada da Regidora de Nou Barris, Irma Rognoní; da Presidenta do Consejo Municipal do Distrito, Carmen Andrés; o Deputado da Generalitat Catalana, Fernando Sánchez; e o Delegado do Goberno da Generalitat en Barcelona, Fernando Brea, participou este sábado na posta en marcha do San Froilán catalán. Trátase da cita que organiza a Asociación de Amigos do San Froilán, no barrio barcelonés de Nou Barris, coa que todos os anos colabora a Deputación de Lugo.

Lara Méndez aproveitou a ocasión para falar con algúns dos numerosos lucenses afincados na capital catalana, e transmitirlles o apoio da institución luguesa ás iniciativas que desenvolven, como estes festexos “o mellor escaparate da marca Lugo fóra da Comunidade galega, porque poñen en valor a riqueza lucense, xerando novas oportunidades socieconómicas para a provincia”.

Miles de persoas participan no San Froilán catalán. Celébrase no lugar de residencia de máis de 150.000 galegos afincados en Barcelona: Nou Barris. Na cidade Condal contabilízanse máis de 300.000 galegos. O San Froilán catalán é a segunda festa máis importante de Barcelona, despois dos festexos da Merced. Por este motivo, todos os anos acoden personalidades da vida política, cultural e social catalana. Son, ademais, unhas festas privilexiadas na cidade, xa que teñen o permiso das autoridades para que se poidan celebrar no propio barrio, modificando notablemente o ritmo diario. Os festexos teñen lugar dende hai 19 anos, cando un grupo de empresarios lucenses quixeron levar o espírito lucense ata Barcelona. Dende entón, esta festa recupera o tradicional estilo popular con música galega, casetas de polbo, sesión vermú ou a procesión do domingo.