Deputación de Lugo

A Deputación inicia as obras da estrada LU-0102 na Pastoriza, que mellorarán as comunicacións da Terra Chá coa A-8

Manuel Martínez supervisou hoxe o inicio das actuacións de acondicionamento da LU-0102, de Fontevella ó Carrizal, que executa a institución provincial con 943.389 euros do POS 2012As obras consistirán na mellora do firme con aglomerado en quente; o incremento do ancho da calzada dos 4 ós 8 metros e a sinalización horizontal e vertical nun tramo de 4 quilómetros A institución provincial vén de aprobar un investimento de 3,2 millóns de euros para o Plan de Obras e Servizos 2013 incrementando a súa achega ós Concellos, ata financiala nun 60%.

O Deputado de Xestión Territorial, Manuel Martínez, acompañado polo Alcalde da Pastoriza, Primitivo Iglesias, supervisou hoxe o inicio das obras que a institución provincial levará a cabo na estrada LU-0102, de Fontevella ó Carrizal, que se realizan con cargo ó Plan de Obras e Servizos 2012, e coas que a Deputación de Lugo mellorará as conexións da Terra Chá coa A-8. Logo de que o Goberno central tentara eliminar o POS, suprimindo a achega estatal por 1ª vez na historia da democracia, feito que provocou o rexeitamento unánime dos municipios lugueses, o organismo provincial adoptou en acordo plenario –malia abstención do PP-, un incremento orzamentario de 400.000 euros, ata chegar ós 2,1 millóns, e poder así manter un Plan fundamental para reforzar as prestacións nos Concellos, combater o paro e loitar contra o despoboamento do rural lugués.

O voceiro provincial socialista volveu lamentar que este tipo de actuacións, que en moitos casos son a única obra ou servizo que se executa ó longo do ano nalgúns Concellos, “non contasen co apoio do grupo popular provincial”. Pola súa banda, Primitivo Iglesias, destacou a importancia destas actuacións para os veciños de toda a comarca.

1,1 millóns de euros de orzamento

Estas obras de acondicionamento da estrada LU-0102 eran unhas actuacións longamente demandadas polos veciños da zona, posto que este vial mellora as conexións da comarca chairega coa A-8, ó tempo que constitúe un importante eixe de comunicación A Pastoriza e a poboación de Moncelos, no veciño Concello de Abadín, e, polo tanto, empregado por un gran número usuarios de ambos municipios. O anterior Goberno provincial do Partido Popular prometera no seu momento estas obras, enmarcándoas no tristemente coñecido como Plan dos 50 millóns de euros que, coma lembrou Martínez, nunca chegou a executarse “porque non tiñan nin terreos nin cartos”.

Nesta ocasión ditas melloras si se levarán a cabo, logo de que a Deputación expropiara 43.930 metros cuadrados cunha achega de máis de 183.000 euros, ós que hai que sumar 943.389 euros, procedentes de fondos do POS, necesarios para acometer actuacións nun tramo de 4 quilómetros, sumando así un orzamento total de case 1.130.000 euros, asumidos polo organismo provincial ó 100%.

As obras que hoxe comezan consistirán na mellora do trazado con aglomerado en quente; o incremento do ancho da calzada dos 4 ós 8 metros nos puntos necesarios; a instalación de “ollos de gato”, así coma a sinalización horizontal e vertical.

Esta é unha das máis de 70 actuacións que xa se levan executado en todos os Concellos da provincia -agás nos de Alfoz, Bóveda, O Courel, Mondoñedo, Pantón e Trabada, posto que estes renunciaron de xeito voluntario a sumarse á iniciativa-, e que a Deputación de Lugo asumiu grazas ó POS 2012.

3,2 millóns de euros para 2013

O último Pleno Provincial vén de aprobar un investimento de 3,2 millóns de euros para o Plan de Obras e Servizos 2013. Con este orzamento, tal e como destacou o voceiro provincial, “a Deputación incrementa a súa achega a esta programación nos Concellos, ata financiala nun 60%, o que supón novamente...

A totalidade dos Concellos da provincia poderán optar a participar neste Plan, que reparte os seus fondos atendendo ós mesmos criterios dende o 2008, os cales aseguran un reparto equitativo e obxectivo dos cartos. Cada Concello recibirá unha cantidade –que en ningún caso será inferior a 10.000 euros-, e que se distribuirá valorando nun 40% a poboación de cada termo municipal; nun 20% a súa superficie; nun 25% os núcleos de poboación e a carga fiscal municipal no 15% restante.