Deputación de Lugo

A Deputación inicia a recollida de firmas para impulsar a candidatura da Ribeira Sacra como Patrimonio da Humanidade

Gómez Besteiro chama á unidade das administracións e da cidadanía para afianzar unha candidatura forte que o Ministerio de Cultura terá que presentar ante a UNESCO Un autobús rotulado percorrerá toda a provincia nunha viaxe que se estenderá á xeografía galega e española no 2014 buscando apoios para lograr unha candidatura oficialA Deputación adianta a recollida de firmas cidadáns para aproveitar os miles de visitantes que ten Lugo durante as festas do San Froilán

O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, deu este martes un paso máis para que a Ribeira Sacra sexa declarada Patrimonio da Humanidade, iniciando a campaña de recollida de firmas que sumará apoios para conseguir a súa candidatura oficial. Así llo adiantou Gómez Besteiro onte ó Presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, no encontro no que fixaron unha folla de ruta común para traballar en favor da Ribeira Sacra.

O Presidente da Deputación recordou as campañas realizadas para conseguir a declaración doutros bens galegos como a cidade histórica de Santiago de Compostela, o Camiño de Santiago, a Torre de Hércules ou a Muralla de Lugo. Gómez Besteiro asegurou que a implicación da cidadanía é fundamental para que o Ministerio de Educación, Cultura e Deporte, encargado de presentar a proposta ante a UNESCO, se decida a favor da candidatura da Ribeira Sacra. Fixo un chamamento á unidade das administracións e á poboación para que participen activamente nesta campaña e afirmou: “será un camiño longo, pero traballar xuntos garantirá o éxito”. “Neste reto colectivo, ningún de nós é máis importante que os demais” asegurou.

A Deputación de Lugo adiantou a campaña de recollida de firmas da cidadanía para aproveitar o tirón turístico das festas do San Froilán e recompilar no menor tempo posible o maior número de sinaturas. Trátase dunha campaña itinerante que permanecerá na praza de San Marcos ata o vindeiro día 12 de outubro, posteriormente percorrerá a provincia ata finais de ano para, no 2014, comezar o seu itinerario por Galicia e por outros puntos da xeografía española. As firmas son incluídas nun libro oficial da UNESCO no que se poderá asinar en horario de 10:00 a 14:00 horas da mañá e 17:00 a 20:00 horas pola tarde. As persoas que se acheguen atoparán ademais información e diverso material promocional da campaña da institución provincial.

O Presidente estivo acompañado dos promotores doutras candidaturas que xa acadaron a declaración de Patrimonio da Humanidade; o alcalde de Lugo, José López Orozco, e o Presidente do Instituto de Estudios Torre de Hércules, Segundo Pardo-Ciórraga. Estiveron presentes no acto Deputados provinciais, rexedores dalgúns concellos da Ribeira Sacra e entidades colaboradoras como a Presidenta do Grupo El Progreso, Blanca Montenegro, e a directora do Departamento de Márqueting de Monbús, Alba López Novoa.

Estaban convidados outras autoridades como a Xunta, o Goberno e rexedores dos concellos implicados na iniciativa, que onte confirmaron a súa asistencia e hoxe non puideron acudir.

Sumando esforzos

A candidatura da Ribeira Sacra ten que ser trasladada pola Xunta ó Ministerio de Educación, Cultura e Deporte para ser presentada oficialmente polo Goberno de España ante o Comité do Patrimonio da Humanidade da Unesco. As posibilidades de conseguir a declaración aumentan cantos máis apoios consiga de institucións, entidades e poboación en xeral. Por este motivo, o Presidente da Deputación mantivo xuntanzas para sumar adhesións ó seu compromiso de impulsar esta campaña. Este luns, reuniuse co seu homólogo na provincia de Ourense e en breve as dúas entidades asinarán un convenio de colaboración no que implicarán tamén ós concellos das dúas provincias. O último pleno da Corporación Provincial aprobou por unanimidade unha moción para instar á Xunta e Goberno central a promover esta candidatura. O texto foi remitido tamén ós concellos incluídos na proposta para que fixeran o mesmo e tamén se lle transmitiu o Presidente da Deputación de Ourense.

Aposta persoal do Presidente

Impulsar a candidatura da Ribeira para ser declarada Patrimonio da Humanidade foi un dos compromisos asumidos por Gómez Besteiro no seu discurso de investidura. Dende hai un ano e medio, a Deputación está traballando neste senso. Mantivo varios encontros cos promotores da candidatura da Torre de Hércules e da Muralla de Lugo co fin de asesorarse sobre as xestións necesarias e conseguir o mesmo resultado exitoso.

Gómez Besteiro insistiu na necesidade de traballar conxuntamente con outras administracións e entidades para presentar unha candidatura forte, que inclúa o maior número de Concellos, e que busque un beneficio común. A proposta da Deputación implica a 21 Concellos, 13 de Lugo e 8 de Ourense. A Pobra de Brollón, Portomarín, Taboada, Chantada, Carballedo, O Saviñao, Pantón, Sober, Monforte de Lemos, Ribas de Sil, Quiroga, Paradela e Bóveda, na provincia lucense; e A Peroxa, Nogueira de Ramuín, Parada de Sil, A Teixeira, Castro Caldelas, Xunqueira de Espadañedo, Esgos e Montederramo, en Ourense.