Deputación de Lugo

A Deputación acolle o xoves un debate aberto e gratuíto sobre o desemprego e as saídas laborais

Imaxe deputación de lugo
O organismo provincial e Economía Dixital, en colaboración co grupo El Progreso, organizan esta nova xornada do ciclo Galicia en clave económica, que terá lugar o 12 de decembro, ás 19:30 horas no Salón de ActosManuel Lago, Alberto Meixide e Federico Martín Palmero avaliarán o actual mapa laboral e ofrecerán solucións para xerar emprego e rachar coa tendencia ó incremento do paro

A Deputación de Lugo e Economía Dixital, en colaboración co grupo el Progreso, organizan o vindeiro xoves, 12 de decembro, ás 19:30 horas no Salón de Actos do Pazo de San Marcos, un debate aberto e gratuíto, no que expertos galegos falarán sobre o desemprego e as saídas laborais ante a actual crise económica.

O debate contará coa participación de:

Manuel Lago, economista do sindicato CCOO e membro da Área de Economía da Fundación 1º de Maio. Realizou numerosos estudos sobre a situación económica e o desemprego.

Alberto Meixide, catedrático da Universidade de Santiago de Compostela. Imparte materias sobre demografía e mercado de traballo e ten publicados numerosos estudos sobre economía galega, baixos salarios e o seu impacto na economía.

Federico Martín Palmero, doutor en Ciencias Económicas e profesor do Departamento de Análise Económica e Administración de Empresas da Universidade da Coruña. Director do grupo de investigación sobre desenvolvemento sostible.

Estes recoñecidos profesionais analizarán a situación laboral e o desemprego en Galicia, tratando de atopar as claves para xerar emprego dende as institucións e modificar a tendencia ó aumento de parados na Comunidade. Abordarán as consecuencias da reforma laboral e a destrución de postos de traballo, a baixada dos salarios e a redución no consumo. Tamén ofrecerán alternativas e solucións para saír da crise, afondando nas potencialidades da economía galega, os sectores emerxentes e as apostas decididas para consolidar un modelo produtivo. A charla é aberta ó público e gratuíta.

Este é o quinto e último debate do ciclo Galicia en clave económica, no que reputados expertos analizaron a situación da banca, o papel dos sectores público e privado, así como o das asociacións en cooperativas.