Deputación de Lugo

A Xunta de Goberno aproba unha declaración institucional en defensa das vítimas da violencia de xénero

Imaxe deputación de lugo
O Goberno Provincial destaca a obriga das Administracións Públicas de aportar os medios necesarios para erradicar completamente a violencia de xénero e protexer ás vítimasO texto expón que “a violencia de xénero é a manifestación máis terrible da desigualdade entre homes e mulleres que persiste na actualidade na nosa sociedade”A declaración destaca a incidencia da crise económica e o desmantelamento dos servizos públicos nas vítimas e insta á Xunta a facer efectiva a Lei para a prevención e o tratamento

A Xunta de Goberno aprobou este venres unha declaración en defensa das mulleres vítimas da violencia de xénero. O texto considera esta tipo de brutalidade “a manifestación máis terrible de desigualdade entre homes e mulleres que persiste na nosa sociedade” e destaca a “obriga das Administracións Públicas a poñer os medios para erradicar a violencia de xénero e protexer as vítimas”.

A declaración salienta a incidencia da crise económica, o paro e o desmantelamento dos servizos públicos no número de vítimas de violencia de xénero en Galicia. Neste senso, o texto destaca que a cifra de denuncias redúcese cada ano “sen que esta redución se poida achacar á unha redución da incidencia da violencia machista na sociedade galega senón ó contrario, ten a súa orixe nas dificultades económicas que sofren con maior incidencia as mulleres”. O documento insiste en que “a dependencia económica é o maior dos obstáculos para as vítimas de violencia de xénero para rachar coa relación que pon en perigo as súas vidas” e condena que “estamos a vivir recortes en programas e recursos imprescindibles para apoiar ás mulleres que deciden dar o paso”.

O texto alerta, deste xeito, de que “a crise supón un freo para denunciar polo temor a non encontrar emprego e verse sen recursos e solicita da Xunta, que a pesar das dificultades económicas “manteña e mellore as actuacións contra a violencia de xénero e de protección ás vítimas”.