Deputación de Lugo

Kepa Junkera presentará o mércores no CENTRAD da Deputación o seu novo disco

Imaxe deputación de lugo
No seu álbum Galiza colaboran dous fonsagradinos tocando a trompa galega, instrumento recuperado e posto en valor pola sección de instrumentos tradicionais do CENTRADO acto, que se celebrará o mércores ás 20:00 horas no pavillón Central, é aberto ó público e inclúe a interpretación en directo de varias pezas

O músico Kepa Junkera presentará o mércores, 27 de novembro, no Centro de Artesanía e Deseño da Deputación o seu novo disco Galiza. O músico emprega neste álbum instrumentos tradicionais galegos case esquecidos como a trompa de boca, precisamente o organismo provincial desenvolveu varias iniciativas para a recuperación e posta en valor deste aparello musical que se conservou, case de xeito exclusivo, na zona da Montaña Lucense.

O acto, que comezará ás 20:00 horas no pavillón central do CENTRAD, é gratuíto e aberto ó público. O artista falará da inspiración que o levou a empregar os instrumentos tradicionais galegos e estará acompañado por Daniel e Emilio Os Pando, dous intérpretes de trompa que colaboraron na gravación do disco. Tras unha breve presentación aberta á participación dos asistentes, interpretarán varias pezas incluída no seu último álbum.

O Centro de Artesanía e Deseño recupera o patrimonio artesán da provincia, entre o que destaca os instrumentos musicais tradicionais, algúns deles case esquecidos como a trompa galega que aparece no álbum de Kepa Junquera. No mes de setembro, a Deputación organizou unhas xornadas de recuperación e posta en valor deste instrumento na Fonsagrada con obradoiros de construción e interpretación da trompa. Na iniciativa para a posta en valor desta técnica profesional, participaron activamente Os Pandos, que colaboran co artista vasco neste álbum.

Homenaxe a Galicia

Kepa Junquera escolleu para o seu último disco instrumentos tradicionais galegos como a gaita, o acordeón galego, pandeiros e pandeiretas, considerando que encaixan á perfección co acordeón diatónico tradicional vasco. Máis de 200 artistas galegos de recoñecido prestixio participaron na gravación, como Cristina Pato, Luar na Lubre, Leilía, ou Treixadura, entre outros.