Deputación de Lugo

Continúa o éxito da campaña en apoio da Ribeira Sacra á súa chegada ó Concello de Bóveda

O autobús permanecerá no Concello o 28 e 29 de novembro para que veciños e visitantes poidan asinar e atopar material promocional da campaña e das terras da Ribeira Sacra A campaña leva percorridos os Concellos de Lugo, Monforte de Lemos, Ribas de Sil, Chantada, Carballedo, Taboada, e Paradela, onde reuniu 4.500 sinaturas de apoioOs que desexen asinar no libro oficial da UNESCO poden facelo achegándose en horario de 12:00 a 14:00 e de 16:00 a 19:00 horas

O autobús rotulado da campaña de apoio da candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade chegou hoxe ó Concello de Bóveda, nunha nova parada da ruta que o está a levar por todos os Concellos que forman parte da Ribeira Sacra lucense.

O autobús está a recabar no seu percorrido pola provincia un gran número de apoios, e xa teñen asinado no libro oficial da UNESCO 4.500 persoas, na súa estancia en Lugo, Monforte de Lemos, Chantada, Ribas de Sil, Taboada, Carballedo e Paradela. En vindeiras datas visitará as localidades de Pobra de Brollón, Pantón, O Saviñao, Quiroga e Sober, onde conseguirá novas sinaturas.

A implicación da cidadanía é fundamental para que o Ministerio de Educación, Cultura e Deporte, encargado de presentar a proposta ante a UNESCO, se decida a favor da candidatura da Ribeira Sacra.

O autobús rotulado da campaña permanecerá hoxe na Praza do Concello da capitalidade de Bóveda, e trasladarase mañá, 29 de novembro, a Rubián, para situarse fronte a Capela do Ecce Homo. Todos os que o desexen poderán asinar no libro oficial da UNESCO, achegándose a este vehículo en horario de 12:00 a 14:00 e de 16:00 a 19:00 horas, no que tamén atoparán material promocional da campaña e información sobre as terras da Ribeira Sacra.