Deputación de Lugo

A Capela de Santa María abre a mostra Máis alá, coa que o Centro de Artesanía e Deseño remata a tempada de exposicións

Regina Polín destacou que “a variedade e calidade das actividades deste espazo teñen feito da Capela referencia cultural, capaz de proxectar de cara ó exterior o moito e bó que se fai na provincia”Esta mostra de traballos da artista lucense Dolores Guerrero será a oitava exposición que acolla este espazo expositivo durante o ano 2013, no que se acadaron preto de 4.000 visitasPoderá visitarse ata o vindeiro 12 de xaneiro, de luns a venres, de 10:00 a 14:00 e de 17:00 a 20:00 horas, e fins de semana e festivos de 11:00 a 14:00 e de 16:30 a 20:00 horas

A Deputada de Deseño e Artesanía, Regina Polín, inaugurou este xoves na Capela de Santa María unha mostra da artista lucense Dolores Guerrero que, baixo o título Máis alá, reúne 16 traballos de pintura e escultura. Polín destacou que esta mostra “pecha a tempada de exposicións da Capela de Santa María do ano 2013, na que conseguimos facer unha combinación exitosa de tradición e modernidade, grazas a que os mestres oleiros e as palilleiras da provincia compartiron espazo coa obra de destacados fotógrafos contemporáneos e as ilustracións de xóvenes artistas”.

Esta mostra será a oitava que acolla a Capela de Santa María durante este ano –habería que sumar todas as que se realizaron na sala de exposicións dos pavillóns do CENTRAD-, logo de que as sete anteriores acadasen milleiros de visitas.

A mostra que reuniu traballos de encaixe de palillos de toda a provincia Palillando no Camiño; a homenaxe ós mestres oleiros lucenses e ó doutor García Alén Pasado e presente da olería en Lugo, que acadou o milleiro de visitantes; as fotografías sobre a arquitectura e a escultura do Barroco galego de seis artistas galegos Cámara Barroca; A cerámica castrexa en Galicia, un percorrido pola prehistoria da olería da provincia; a particular homenaxe a Rosalía de Castro Terra e papel; unha exposición colectiva de 8 artistas mulleres e novas en conmemoración do Día Internacional da Muller 8 Mulleres, e Contando con imaxes, unha exposición de ilustración de obras de literatura infantil e xuvenil foron as mostras que pasaron pola Capela ó longo de 2013 atraendo a atención de preto de 4.000 lucenses, o que amosa que os lucenses cada vez están máis interesados nas actividades organizadas polos responsables do Centro de Artesanía e Deseño.

Regina Polín salientou que “a variedade e calidade das actividades que este espazo ten acollido teñen feito xa da Capela unha referencia cultural e que somos quen de proxectar de cara ó exterior o moito e bó que se fixo e se está a facer artísticamente na nosa provincia”. Polín engadiu que “estamos cumprindo o noso obxectivo: poñer en valor a riqueza artística e artesá lucense, que son, en esenza, o mesmo”.

Visión onírica da natureza

Tras expoñer de xeito individual e colectivo en galerías de toda Galicia e de España, como a Gaudí de Madrid e a Barna de Barcelona, e mesmo ter participado en mostras de arte como a Feira Internacional de Arte en Nim (Francia) ou na Internacional Frankfurter Burchmesse de Frankfurt (Alemaña), a artista lucense Dolores Guerrero expón agora a súa obra multidisciplinar na Capela de Santa María.

En Máis alá, Guerrero recompila 14 pinturas realizadas coa técnica de óleo sobre lenzo e 2 esculturas coas que amosa ó espectador a súa visión onírica da vida. As nubes que a artista reflicte nos seus cadros están liberadas de outros elementos paisaxísticos e trasladan ó espectador a lugares que forman parte da súa imaxinación. As dúas esculturas, unha en aceiro e a outra en madeira, pertencen a unha serie inspirada na fraternidade e Guerrero as cualifica como interactivas, posto que teñen que ser manipuladas polo espectador para comprender a obra en toda a súa complexidade.

A Capela de Santa María terá aberta a mostra de Dolores Guerrero ata o vindeiro 12 de xaneiro nos seus horarios habituais: de luns a venres, de 10:00 a 14:00 e de 17:00 a 20:00 horas; sábados, domingos e festivos de 11:00 a 14:00 horas, e 16:30 a 20:00 horas.