Deputación de Lugo

A Deputación pide dar un paso máis á declaración de intencións aprobada hoxe por unanimidade polo Padroado de Sargadelos

Lara Méndez salienta que “a Xunta debe liderar a posta en marcha dunha reunión entres administracións, empresa e traballadores, na que ofrecer solucións reais, conxuntas e de futuro”A Vicepresidenta remarca que “é hora de ofrecer solucións tanxibles, máis aló da declaración de intencións das administracións, que xa deron conta da súa disposición a colaborar en distintos órganos de representación, como no Pleno da Deputación ou no Parlamento” A Deputada mariña fixo estas valoracións tras a reunión extraordinario do Padroado de celebrada hoxe, precisamente, a proposta de Lara Méndez, na que a Xunta rexeitou a ampliación de BIC á cadea de produción e á galería de Sargadelos en Cervo

A petición da Deputación de Lugo, este xoves celebrouse a reunión extraordinaria do Padroado de Sargadelos, composto por Xunta de Galicia, organismo provincial, Concello de Cervo e Seminario de Sargadelos, logo de que a Vicepresidenta Segunda, Lara Méndez, solicitase ata en dúas ocasións, a primeira o 28 de novembro e logo o 9 de decembro, a convocatoria urxente este encontro á Consellería de Cultura. Ademais de Lara Méndez, participaron na reunión o Secretario Xeral de Cultura, Anxo Manuel Lorenzo; o Xefe Territorial de Cultura, José Jesús Ramos Ledo; a Xefa de Coordinación de Cultura, Yolanda Gómez González; e o Alcalde de Cervo, Alfonso Villares Bermúdez. Non acudiu ningún representante do Seminario de Sargadelos, que xustificou a súa ausencia.

A reunión comezou pedindo á Vicepresidenta Segunda unha exposición de motivos que aclarase o porqué da súa petición. Lara Méndez destacou que “os traballadores da fábrica de Sargadelos en Cervo levan catros anos facendo sacrificios para manter a actividade da cerámica. Nembargantes, a factoría atópase nunha difícil situación, que pon en perigo os empregos de 41 persoas, ademais da riqueza patrimonial e cultural que supón para Lugo e en xeral para Galicia Sargadelos, símbolo da nosa identidade galega. Ante esta situación, é preciso a implicación de tódalas administracións, máis aló de que sexa a Xunta a que ten as competencias na materia, para buscar solucións conxuntas e de futuro que garantan a actividade e os postos de traballo da cerámica”.

A Deputada mariñana propuxo que a Xunta amplíe a declaración de Ben de Interese Cultural á cadea de produción e á galería de Sargadelos en Cervo. Ó igual que aconteceu no Pleno Provincial onde todos os Deputados do Partido Popular rexeitaron a proposta de Méndez, os restantes membros do Padroado que participaron na xuntanza negáronse.

A reunión rematou coa aprobación por unanimidade dunha declaración de intencións, que apunta textualmente: O Real Padroado de Sargadelos insta á Xunta de Galicia, á Deputación de Lugo -no que atinxe ó seu ámbito territorial- e ó Concello de Cervo a impulsar as iniciativas e ferramentas ó seu alcance para que, en colaboración coa empresa e traballadores, procurar a viabilidade da cerámica de Sargadelos en Cervo.

Lara Méndez valorou que “é necesario dar un paso máis alá da declaración de intencións por parte das administracións, que xa deron conta da súa disposición de colaboración en distintos órganos de representación, como no Pleno da Deputación de Lugo ou no Parlamento de Galicia. É hora de ofrecer solucións tanxibles. A primeira delas debe ser unha reunión a tres bandas entre administracións (Xunta, Deputación, Concello), empresa e traballadores, na que verdadeiramente coñecer a situación da cerámica e plantexar solucións reais, conxuntas e de futuro, que poderían pasar por un plan de promoción comercial ou un novo plan de viabilidade, cuxa posta en marcha require de coñecer o que aconteceu co anterior, no que o Executivo autonómico investiu 1 millón de euros de cartos públicos, precisamente, para non cometer os mesmos erros e garantir a continuidade de Sargadelos e, polo tanto, o empregos que xera. A Xunta de Galicia, como administración coas competencias, debe liderar, de xeito inmediato, a posta en marcha deste encontro”.