Deputación de Lugo

Gómez Besteiro: 'A solución para Sargadelos pasa polo traballo conxunto de todas as administracións implicadas'

O Presidente da Deputación instou á Xunta a “non escapar das súas responsabilidades, porque as competencias están para exercelas e, se non exercen, hai que aclarar ós cidadáns por que”Besteiro insistiu na necesidade de que o Padroado de Sargadelos se reúna e se acorden medidas consensuadas que garantan a continuidade de factoría cervense e o mantemento do empregoLara Méndez e Alfredo Llano participan hoxe na primeira das concentracións de apoio á plantilla convocadas polo Comité de Empresa, que partirá ás 15:00 horas dende a propia fábrica

O Presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, instou este venres á Xunta de Galicia a traballar de maneira conxunta para garantir a continuidade da fábrica cervense de Sargadelos. Tal e como destacou, “a solución hai que buscala entre todas as administracións, incluído o Goberno autonómico, que é o que ten as competencias directas na materia”.

O Presidente insistiu en que “non se pode tratar de escapar, como fixo hai uns días o grupo provincial popular, alegando que Sargadelos non era responsabilidade da Xunta”, e lembrou ó Goberno de Núñez Feijóo que “as competencias están para exercelas e, se non exercen, hai que aclarar ós cidadáns por que”. O máximo responsable provincial lamentou que o caso da factoría cervense, das 41 familias que dependen da súa actividade e de todos os lucenses, son só un exemplo dos “cada vez máis galegos e máis sectores que están insatisfeitos con esta actitude tan pouco construtiva de afrontar os problemas de forma decidida que ten a Xunta”.

Gómez Besteiro lembrou que a Deputación sempre estivo en disposición de colaborar con Sargadelos, da que destacou que é “moito máis que unha empresa que mantén postos de traballo e xera riqueza na provincia: é cultura, é parte da nosa historia e da nosa identidade como lucenses e como galegos que temos que preservar”, subliñando a necesidade de convocar unha reunión urxente do Padroado de Sargadelos, do que forman parte Xunta de Galicia, Deputación de Lugo e Concello de Cervo co fin de “poñer sobre a mesa ideas que solucionen o futuro de Sargadelos e o mantemento do emprego”.

Precisamente onte a Deputación solicitaba por escrito á Consellería de Cultura a urxente convocatoria dunha reunión do Padroado de Sargadelos, con fin de abordar a situación da fábrica de Cervo e consensuar medidas concretas que garantan a súa continuidade.

Reunión do Padroado

Enviada a proposta da Vicepresidenta Segunda, Lara Méndez, a solicitude destacaba o feito de que a situación que están a padecer os seus traballadores, fai imprescindible que a solución sexa froito do consenso entre todas as administracións implicadas, malia que sexa o Goberno de Núñez Feijóo o que teña competencias en emprego. Lara Méndez, que asinaba esta carta en calidade de membro do Padroado, urxía a posta disposición do propio Padroado de toda a información relativa á situación económica real da fábrica para poder, posteriormente, establecer medidas conxuntas de futuro.

Propostas no Pleno provincial

Xa durante o pasado Pleno celebrado o 26 deste mes, o grupo provincial socialista pedía á Xunta de Galicia que dera conta en detalle do financiamento público achegado a Sargadelos no ano 2010, cando o Goberno galego anunciou que concedería a Sargadelos 400.000 euros a fondo perdido e 600.000 euros a través dun préstamo participativo de XesGalicia. Esta proposta nacía coa intención de averiguar os motivos polos que non prosperou no seu momento este plan de viabilidade do Goberno autonómico co fin de evitar cometer os mesmos erros. Lamentablemente, a proposta non saiu adiante polo voto en contra de todos os deputados populares.

Nese mesmo Pleno, os socialistas tamén insistiron na necesidade de preservar a factoría, instando á Xunta a que ampliara a declaración de Ben de Interese Cultural á cadea de produción e á galería de Sargadelos en Cervo. Novamente, os deputados de Partido Popular rexeitaron dita proposta, na que os socialistas voltarán a insistir tendo en conta que o futuro da fábrica pasa por preservar unha factoría na que se están a poñer en marcha outras instalacións que supoñen un valor engadido para Sargadelos.

Manifestación e apoio dos traballadores

A Vicepresidenta Segunda, Lara Méndez, e o Deputado de Economía do Coñecemento, Emprendedores e Innovación, Alfredo Llano, participan este venres na primeira das manifestacións convocadas polo comité de empresa de Sargadelos para esixir o mantemento da factoría cervense, reclamación que dende un principio conta co apoio activo do goberno provincial. A manifestación partirá da Fábrica de Sargadelos ás 15:00 horas e agárdase o respaldo unánime da cidadanía