A Deputación de Lugo sae de XESTUR ante a 'ineficacia' desta sociedade, que adebeda 261 millóns de euros

A Deputada de Economía, Recadación e Facenda, Pilar García Porto, participou este luns en Santiago de Compostela na reunión da Xunta Xeral Extraordinaria de XESTUR, na que se acordou a saída da Deputación de Lugo desta sociedade ante a mala xestión da Xunta de Galicia, que fixo que esta sociedade acumule unha débeda de 261 millóns de euros e sexa totalmente ineficaz.
García Porto salientou que a Xunta de Feijóo non ofreceu incentivo algún a empresarios e emprendedores para asentar as súas empresas nos polígonos que xestiona XESTUR. Isto supuxo que esta sociedade acumule 2,8 millóns de metros cadrados baleiros nas súas áreas industriais o triplo da superficie das 7 cidades galegas- unha débeda financeira coas entidades bancarias de 181 millóns de euros, que se engaden ós 80 millóns de euros que adebeda ós provedores.
O Goberno galego non ten intención algunha de modificar as súas políticas, mantendo prezos do solo desorbitados. Por exemplo, o prezo medio do polígono das Gándaras é de 110 euros por metro cadrado. Deste xeito, XESTUR seguirá incrementando a súa débeda e seguirá sendo ineficaz, remarcou.
Tal e como recolle a acta da Xunta Xeral Extraordinaria de XESTUR celebrada hoxe, a Xunta de Galicia plantexou inicialmente -en xaneiro de 2012- a saída das catro Deputacións de XESTUR ante a fusión das catro sociedades proceso que culminou hoxe- ó entender que perden a base territorial que xustificaba a súa participación. Nembargantes, ante a débeda que acumula e por requirimento das entidades financeiras, o Executivo autonómico viuse na obriga de cambiar de parecer.
A Deputación de Lugo comunicou na Xunta Xeral de XESTUR do 18 de novembro do 2013, o seu interese de saída desta sociedade unha vez concluído o proceso de fusión. As restantes Deputacións de Galicia adiantaron hoxe que tamén estudarán a súa posible saída.
A Deputación de Lugo levará a cabo as funcións obxecto de XESTUR na provincia dende a Sociedade Urbanística Provincial SUPLUSA-, continuando coa xestión do solo empresarial en 7 polígonos: Begonte, Castroverde, Baleira, Ourol, Friol, Chantada e Paradela.
Para elo, e en contraposición co que fai a Xunta de Galicia, a Deputación de Lugo xa rebaixou o prezo por metro cadrado nos últimos anos ata situalo nos 35 euros. Ademais, puxo en marcha unha fórmula pioneira en España para favorecer o asentamento empresarial e crear emprego, que consiste en financiar nun mesmo paquete o custe da parcela e a construción das instalacións.