Deputación de Lugo

O 2º Mercado de Nadal Merca o teu abre as súas portas poñendo á venda o mellor da artesanía e dos produtos autóctonos de calidade

Gómez Besteiro inaugurou o evento no que este ano a Ribeira Sacra terá especial protagonismo, xa que o autobús da campaña da Deputación de Lugo estará na Praza de San Marcos para recoller sinaturas de apoio á candidatura a Patrimonio da HumanidadeA oferta do mercado complétase con ducias de actividades cuxa programación e horarios poderán consultarse na web www.deputacionlugo.org, así como concursos nas redes sociais Merca o teu permanecerá aberto ata o 5 de xaneiro, agás os días festivos, de 11:00 a 14:00 e de 17:00 a 20:30 horas. Os días 24 de decembro e 5 de xaneiro o horario de tarde será de 16:30 a 18:30 horas

O Presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, inaugurou hoxe a segunda edición do Mercado de Nadal Merca o teu, no que dende hoxe e ata o vindeiro día 5 de xaneiro poranse á venda ducias de artigos de artesanía e produtos agroalimentarios autóctonos de calidade. Esta iniciativa de impulso ás pemes e autónomos da provincia posta en marcha pola Deputación de Lugo repite tras o éxito acadado o pasado ano, no que malia ser a primeira edición, xerou un volume de vendas de 25.000 euros, cantidade destacable tendo en conta, ademais, o feito de que para os negocios presentes a participación é totalmente gratuíta.

Gómez Besteiro quixo animar ós lucenses a “facer provincia” adquirindo produtos gastronómicos e artesanais da provincia como agasallos de Nadal, o que ademais supón “mercar de xeito intelixente, favorecendo o crecemento das pemes e autónomos que son a columna vertebral da economía da nosa provincia, posto que xeran máis de 15.000 postos de traballo”.

O acto de inauguración contou coa participación de trinta alumnos do Conservatorio Profesional da Danza lucense, que representaron tres esceas do ballet clásico O quebranoces, e Escola de Danza do Conservatorio lucense, que interpretaron coreografías inspiradas no conto clásico O quebranoces; e doutros tantos nenos de 3 e anos do grupo Pandereteiras de Andrade, de Vilalba, que interpretaron dúas panxoliñas.

Produtores e artesáns da provincia porán á venda os seus artigos neste segundo Merca o teu nas 14 casetas de madeira instaladas na praza de San Marcos, nas que os lucenses poderán adquirir queixos, pan, empanadas, noces e derivados, repostería, ou viños e licores, así como todo tipo de complementos de moda e de artigos para o fogar elaborados de xeito artesanal.

Apoio á Ribeira Sacra

Xunto ás casetas instaladas na Praza de San Marcos, o autobús da campaña de apoio popular á candidatura da Ribeira Sacra como Patrimonio da Humanidade, posta en marcha pola Deputación de Lugo, permanecerá toda a fin de semana ante o Pazo de San Marcos para que todos os que desexen apoiar esta candidatura poidan facelo deixando a súa sinatura.

Tanto no propio autobús como na caseta de información do mercado os lucenses poderán atopar máis información e material promocional da Ribeira Sacra, así como sobre os valores naturais e culturais da provincia, especialmente a referida ás Reservas da Biosfera Terras do Miño e Ancares.

Concursos na rede e sorteos

Ademais de facer as súas compras, os lucenses poderán participar nas numerosas actividades e concursos organizados de xeito paralelo ó mercado, e cuxa programación e horarios poderán ser consultados na web www.deputacionlugo.org, na que poderán acceder a toda a información de xeito actualizado. Estas actividades terán como escenarios o propio mercado na praza de San Marcos, o Salón de Actos da Deputación, o Centro de Artesanía e Deseño e o Centro de Innovación Social InLugo.

Haberá demostracións en vivo de artesáns –estarán presentes un canteiro, un oleiro, un cesteiro e un ebanista-, así como degustacións gastronómicas gratuítas a diario; un obradoiro de cociña para nenos que organiza o restaurante Campos ou ben outro de preparación de menús aptos para celíacos que foron posibles grazas á colaboración prestada pola Asociación de Hosteleiros lucenses.

Tamén haberá concursos, como o que premiará as fotografías “colgadas” en Facebook que teñan como escenario este mercado: as que cada día consigan o maior número de “Me gusta” recibirán un agasallo e de todas estas, unha vez rematado o mercado, a que finalmente acade máis valoracións positivas recibirá como premio unha tablet. Mercar tamén terá premio, xa que entre todos aqueles que fagan compras no mercado por valor superior a 10 euros no mercado participarán no sorteo o último día dunha cesta de Nadal con produtos presentes en Merca o teu. Ademais, os días 24 de decembro e 5 de xaneiro, artesáns do CENTRAD estarán a disposición de todos os que desexen envolver dun xeito orixinal os agasallos mercados.

Datas e horarios

O Mercado de Nadal Merca o teu permanecerá aberto entre os días 20 de decembro e o día 5 de xaneiro na Praza de San Marcos. O horario de apertura será de 11:00 a 14:00 horas e de 17:00 a 20:30 horas, agás os días 24 de decembro e 31 de xaneiro, no que o horario de tarde será de 16:30 a 18:30 horas e os días 25 de decembro e 1 de xaneiro, nos que permanecerá pechado. Máis información sobre as actividades programadas e os horarios en www.deputacionlugo.org