Deputación de Lugo

A Deputación súmase ós actos de conmemoración do Día Internacional do Cancro Infantil

O Grupo de Pais e Adolescentes afectados en Lugo organizou unha xornada con actos dirixidos a todos ós públicos para facer visible este colectivo e involucrar á sociedadeA Deputada de Deseño e Artesanía acudiu á cita na que médicos e mozos afectados contaron a súa experiencia e destacando os elevados índices de supervivencia do cancro infantilDende o organismo provincial insístese na importancia de que o sistema sanitario público manteña programas para a detección precoz que aumentan o índice de curación

A Deputada de Deseño e Artesanía, Regina Polín, participou este venres nos actos de conmemoración do Día Internacional do Cancro Infantil que organizou no Hospital Lucus Augusti da capital o Grupo de Pais e Adolescentes afectados en Lugo.

Regina Polín e o resto de asistentes puideron escoitar o testemuño de profesionais sanitarios e mozos afectados que insistiron na importancia de manter unha actitude positiva fronte a enfermidade e recordaron os elevados índices de curación acadados nos últimos anos grazas ós avances médicos. Os pequenos teñen moitas posibilidades de superar a enfermidade nos dous primeiros anos tras iniciar o tratamento, sendo moi importante durante todo o proceso o apoio psicolóxico e social dos pacientes así como dos seus familiares. Neste senso, a Deputada insistiu na importancia de manter programas de prevención e probas de detección precoz da enfermidade dentro da carteira básica de servizos da Sanidade Pública, que aumentan as posibilidades de curación.

As actividades organizadas contan coa colaboración dunha trintena de entidades de toda a provincia. Durante a tarde deste venres, a Praza Maior acollerá obradoiros e exhibicións para facer visible, dun xeito lúdico, ó colectivo de afectados e apoiar a todos os pacientes diagnosticados.