Deputación de Lugo

O operativo da Deputación atendeu 72 incidencias nas estradas da provincia na xornada de hoxe polo temporal de vento

O dispositivo manterase activo durante a fin de semana atendendo as posibles incidencias provocadas polas situacións meteorolóxicas adversas previstas para os vindeiros días Todas as estradas de titularidade provincial permanecen abertas, despois de que os operarios traballasen para deixar libres as vías, principalmente por caídas de árbores

A Deputación mantén activo un dispositivo composto por 22 operarios e 16 máquinas que atenderán calquera incidencia na rede viaria provincial que poida ocorrer durante esta fin de semana, na que se espera unha meteoroloxía adversa tal e como anuncian as predicións para os vindeiros días.

Actualmente todas as estradas de titularidade provincial atópanse abertas ó tráfico e restablecida a circulación despois de que os medios dispostos pola Deputación atenderan 72 avisos, principalmente por caídas de árbores na calzada -o 95% das mesmas- e por desprendementos de terras provocados polas intensas precipitacións nos restantes casos. A maioría das incidencias localizáronse en Concellos das Comarcas da Mariña, a Terra Chá e Lugo.

A única vía que tivo que ser pechada ó tráfico foi a estrada LU-P-6610 de Vieiro a Galdo no Concello de Viveiro polo desprendemento dunha estrutura metálica sobre a vía. A rápida actuación dos servizos provinciais permitiu o restablecemento do tráfico fluído a media tarde.

Ante as previsións meteorolóxicas e a posibilidade de nevaradas o dispositivo centrarase nas zonas de alta montaña dos Concellos de Becerreá, Pedrafita do Cebreiro, Folgoso do Courel, Samos, Incio, Cervantes e A Fonsagrada por neve así como na comarca da Mariña polo vento.