Deputación de Lugo

'A Xunta xa adebeda 52.000 euros ás pallozas do Piornedo, como responsable dos BIC'

Feijóo retirou as axudas ás pallozas malia que a Lei de Patrimonio Cultural dice que “lle corresponde á Comunidade Autónoma a competencia exclusiva sobre o patrimonio cultural de interese de Galicia”O Goberno galego rexeita a proposta da Deputación, secundada por Concello e veciños, dun convenio de colaboración a tres bandas, que permita a posta en marcha dun plan integral

A Vicepresidenta Segunda, Lara Méndez, a Delegada Territorial da Xunta, Raquel Arias, o Alcalde de Cervantes, Benigno Gómez, e veciños deste municipio, mantiveron este martes en dito Concello da Montaña un encontro, no que abordaron a situación na que se atopan as pallozas do Piornedo. A iniciativa partiu do Rexedor, que alertou do grave deterioro que sofren estas edificacións logo de que o Goberno galego recortase a cero euros as súas axudas. “Dende hai máis dunha década, a Xunta concedía unha media anual de 26.000 euros ó mantemento das pallozas, como responsable dos BIC. Sen motivo algún, e a pesares de ser por lei a administración responsable da súa conservación, non concedeu nin un só euro nos últimos dous anos, adebedando dende entón 52.000 euros. De non ser por isto, as pallozas non estarían neste estado”. Así llo lembrou hoxe Gómez a Arias, quen llo recoñeceu.

O artigo 2 da Lei de Patrimonio Cultural de Galicia dice textualmente: “correspóndelle á Comunidade Autónoma a competencia exclusiva sobre o patrimonio cultural de interese de Galicia”. É dicir, a Xunta é a responsable dos Ben de Interese Cultural. Nembargantes, retirou o financiamento ás pallozas do Piornedo. A actitude do Executivo de Feijóo contrasta con outros comportamentos en materia de patrimonio. Por exemplo, o Goberno galego financiou con 21.400 euros de fondos públicos a redacción do proxecto de rehabilitación do templo de A Barca, en Muxía, tras o incendio que sufríu no Nadal por mor do temporal. Do mesmo xeito, o Goberno de Feijóo adicou outros 5 millóns de euros de fondos públicos á adquisición e rehabilitación do Castelo de Pambre, en Palas de Rei. “Non entendemos a actitude discriminatoria da Xunta co Concello de Cervantes”, destacou o Alcalde.

Ante esta situación, Méndez e Gómez esixiron hoxe á Xunta que asuma as compentencias que lle outorga a lei, que pague o que adebeda e que se implique, ó igual que Deputación e Concello, na posta en valor das pallozas do Piornedo.

Proposta da Deputación e rexeitamento da Xunta

Neste senso, a Vicepresidenta destacou que o organismo provincial, a pesares de non ter as competencias de conservación do patrimonio galego, aprobou en decembro un plan de acción para a Reserva da Biosfera dos Ancares, financiado con 2 millóns de euros de fondos propios, onde unha das súas liñas de actuación é, precisamente, a “conservación do patrimonio natural e cultural”, como as pallozas do Piornedo. “A Deputación está implicada no mantemento destes monumentos, consciente da súa importancia para a economía desta Comarca. É curioso que a Xunta descoñeza isto, cando forma parte dos órganos de xestión dos Ancares e votou a favor do plan de acción para esta Reserva”, remarcou.

A Deputación mantén que o futuro dos Ancares, moi afectado polo despoboamento demográfico, pasa por potenciar a súa riqueza medioambiental e etnográfica. Por este motivo, demanda un convenio de colaboración a tres bandas (Deputación, Concello e Xunta), para a posta en marcha dun plan integral que inclúa, ademais dos traballos de mantemento das pallozas, a dotación de servizos básicos, como alumeado público e saneamento. A proposta da Deputación, secundada por Concello e veciños, foi rexeitada pola Xunta. Hai que ter en conta que as pallozas do Piornedo son o enclave máis visitado dos Ancares.