Deputación de Lugo

20 persoas optan ás novas bolsas de emprego da Deputación nos sectores da cantería e carpintería

É unha nova liña de emprego da Deputación para lucenses no paro menores de 40 anos, que inclúe prácticas remuneradas durante 6 meses no CENTRADHoxe tiveron lugar as probas de selección cuxos resultados se publicarán nos vindeiros días en www.deputacionlugo.org

O Centro de Artesanía e Deseño acolleu este mércores as probas de selección das dúas novas bolsas de emprego nos sectores da cantería e carpintería, que ofrece a Deputación. Están dirixidas a lucenses desempregados e menores de 40 anos. Inclúen formación e prácticas remuneradas. 20 persoas, que participaron no proceso de hoxe, optan ás mesmas.

Nos vindeiros días, o organismo provincial publicará os resultados das probas en www.deputacionlugo.org.

As persoas que finalmente resulten beneficiarias recibirán formación da man dos profesionais do CENTRAD, onde realizarán prácticas durante 6 meses. Durante este período, recibirán unha remuneración mensual superior ós 1.000 euros.

A Deputación adica a esta nova liña de creación de emprego 12.500 euros.