Deputación de Lugo

En marcha as primeiras 9 empresas nacidas co Fórmate en Verde da Deputación

Imaxe deputación de lugo
Son entidades relacionadas todas elas coa gandería ecolóxica, situadas en Cospeito, Quiroga, Sarria, Láncara, Friol, Pedrafita do Cebreiro, Muras e Pol, cuxa posta en marcha supuxo a creación dos primeiros 20 postos de empregoOutras 15 empresas sobre agricultura ecolóxica e o sector forestal verán a luz nos vindeiros meses grazas á programación do organismo provincial1.400 persoas participaron nesta liña de creación de emprego, coa que recibiron gratis formación e asesoramento para a crear ou reconverter as súas propias entidades

Xa están en marcha as primeiras 9 empresas creadas co Fórmate en Verde, unha das máis de 10 liñas de creación de emprego da Deputación. Os participantes nesta programación recibiron gratis formación e asesoramento individualizado para crear ou reconverter as súas propias empresas nos sectores da gandería e agricultura ecolóxica, así como no forestal.

Son explotacións de vacún, avícola, caprina e apícola, situadas nos Concellos de Friol, Pol, Láncara, Pedrafita do Cebreiro, Muras, Quiroga e Cospeito, cuxa posta en marcha supuxo a creación dos primeiros 20 postos de emprego. Estas entidades son as seguintes:

Rivera Otero S.L, en Cospeito. É unha sociedade composta por un matrimonio, que posuía unha tenda rural e criaban polos campeiros para consumo propio. Co aprendido co Fórmate en Verde, amplían o negocio para realizar todo o proceso de cría e posta á venta dos exemplares. Nun futuro pretenden elaborar eles mesmos pratos precociñados.

Ganadería Abuín Corredoira S.C, en Friol. Trátase dunha explotación de carne ecolóxica de gando vacún en extensivo, creada por un matrimonio. Contan cunhas instalacións modernas e 40 hectáreas para pastoreo. Grazas ós cursos da Deputación, reúnen os requisitos para producir en ecolóxico, agardando que os seus produtos acaden maior valor no mercado.

Euromel S.C, en Quiroga. É un negocio de recollida e venda de mel e pole ecolóxico, composta por dúas mozas. Herdan a empresa familiar e toman o relevo formándose en técnicas ecolóxicas. A explotación conta con 300 colmeas.

Caxigueiros C.S, en Sarria. Está composta por un matrimonio que se adica á cría de gando vacún ecolóxico en extensivo. Montaron esta empresa para abrir novas posibilidades de comercialización dos seus produtos na casa de turismo rural que posúen.

Bande López S.C, en Láncara. É unha empresa dedicada á cría de gando vacún de raza rubia galega, que polo momento conta con 20 cabezas reprodutoras. Decidiu pasarse ó ecolóxico e facer a cría practicamente en extensivo.

Constantín Ganadera S.C, de Friol. Está composta por un matrimonio que tiña unha explotación de avicultura ecolóxica e que agora pon en marcha outro negocio de gando vacún, aplicando as técnicas que aprenderon co programa da Deputación.

Ganadería Carballosa S.C, de Pedrafita do Cebreiro. Está formada por unha parella nova de estudantes de Veterinaria, que se decidiron pola cría de razas autóctonas. Co plan da Deputación recibiron o impulso necesario para crear a súa propia explotación. Na actualidade, contan con 13 vacas limiás e 7 cabras de raza galega criadas con técnicas tradicionais que melloran a calidade dos produtos.

Porto do Rego S.C, de Muras. É unha explotación ecolóxica en extensivo de gando vacún de raza cachena. Os seus propietarios xa tiñan unha pequena explotación familiar, que reconverteron a ecolóxica, buscando unha maior rendibilidade.

Avícola Chairega S.C, en Pol. Trátase dunha empresa composta por un matrimonio, que decidiu crear unha explotación avícola ecolóxica para a comercialización de ovos e carne.

Outras 15 futuras empresas

Estas son só as primeiras empresas creadas ó abeiro desta liña de emprego da Deputación. Outras 15 iniciativas, que se atopan en fase de asesoramento, verán a luz nos vindeiros meses. Trátanse de entidades relacionadas coa agricultura ecolóxica e o sector forestal.

Fórmate en Verde é unha das máis de 10 liñas de creación de emprego posta en marcha polo organismo provincial. Nesta programación participaron 1.400 lucenses, dando conta do interese da produción ecolóxica. Trátase dun sector en auxe, tal e como constatan os seguintes datos: o 92% dos galegos coñece os produtos ecolóxicos; as vendas aumentaron un 60% nos últimos 5 anos, pasando de 9.569.788 euros de facturación ós 23.292.806 euros. A provincia de Lugo é a que máis produtos certifica en Galicia, destacando a elevada facturación en leite e derivados, que son tamén os produtos favoritos entre os consumidores. A produción ecolóxica e forestal perfílase como unha oportunidade inmellorable para sacar o máximo rendemento ós recursos naturais da provincia dun xeito sostible, crear emprego no rural e favorecer dese xeito a fixación de poboación.