Deputación de Lugo

O Presidente inaugura na Capela de Santa María Estar en las nubes, que reúne traballos de 11 destacados artistas españois

Gómez Besteiro destacou que “esta Capela é moito máis que unha sala de arte; é un centro de referencia para lucenses e visitantes interesados en coñecer o mellor da creatividade, calquera que sexa o seu vehículo de expresión”Os galegos Sheila Pazos; Din Matamoro; Alina Granados; Xurxo Gómez-Chao; Jesús Otero-Yglesias e Ana Soler; o vallisoletano Eugenio Ampudia; a catalana Andere Monjo; o cántabro Ciuco Gutiérrez e o zaragozano Carlos Maño son os artistas participantes nesta mostra colectivaA mostra permanecerá aberta ó público ata o día 20 de abril, de luns a venres, de 10:30 a 14:00 e de 17:00 a 20:00 horas; e sábados, domingos e festivos 11:00 a 14:00 horas e de 16:30 a 20:00 horas

O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, inaugurou este xoves na Capela de Santa María a mostra coral Estar en las nubes, que reúne traballos de 11 destacados artistas do panorama nacional. Tal e como indica o nome da exposición, a trintena de obras presentes, realizadas baixo diferentes técnicas, son unha aproximación ás nubes como motivo de inspiración.

No acto de inauguración, que contou coa presenza de Fátima Otero, comisaria da mostra, e dalgúns dos artistas presentes, Gómez Besteiro destacou que “esta Capela é moito máis que unha sala de arte”, lembrando que esa mesma sala vén de despedir a mostra Tear, Tecidos e tecelás, unha homenaxe ós artesáns deste oficio na provincia a través de 51 pezas -entre teares, instrumentos propios do oficio e traballos téxtiles-, que “foi visitada por preto de 800 persoas en pouco máis dun mes, o que amosa o feito de que esta Capela xa é un centro de referencia para os lucenses e visitantes interesados en coñecer o mellor da creatividade, calquera que sexa o seu vehículo de expresión”.

“Neste caso, 11 destacados artistas convídannos a admirar os ceos a través do filtro das súas olladas, empregando técnicas e astucias coas que tentan amosarnos o admirable da nosa condición de imaxinadores”, engadiu Besteiro. Finalmente, agradeceu o traballo dos artistas e o esforzo da comisaria por reunir obras, “tantas e de tanta calidade”, creadas por artistas que ó longo da súa traxectoria veñen empregando este motivo de inspiración de xeito recurrente e non encargadas para a ocasión.

Pola súa banda, a comisaria Fátima Otero destacou o prestixio dos artistas presentes na exposición e agradeceu o interese amosado polo Centro de Artesanía e Deseño por dar a coñecer as súas obras ós lucenses. No acto tivo un papel destacado a música, da man de Juan Carlos Martínez Fontana e María José Pámpano López, que estrearon a peza “A bruma que cubre os outeiros remotos do cabo de acolá", 7 minutos e medio dunha orixinal combinación de violín e música electrónica, composta por Martínez Fontana especialmente para a ocasión. Os asistentes tamén puideron degustar nubes de algodón de azucre, coas que se agasallaou a todos os que se achegaron ata a Capela de Santa María.

Artistas

Os 11 artistas participantes empregan como medios de expresión a fotografía, a escultura, a pintura ou a videoinstalación para ofrecer a súa persoal ollada ós ceos: nubes como pedestais; nubes de tormenta; nubes ó xeito de pantasmas ou nubes que semellan aparellos mecánicos, reflectindo puntos de vista alternativos sobre un mesmo tema. Na exposición pódense admirar as fotografías de Sheila Pazos, nas que o ser humano domina a natureza; as nubes con formas animais de Din Matamoro; as nubes aterradoras de Ana Soler; as cheas de forza de Alina Granados; as nubes fantasmagóricas de Xurxo Gómez-Chao; as nubes cotiás de Jesús Otero-Yglesias; as dixitais do vallisoletano Eugenio Ampudia, Mellor Artista en ARCO 2008; as famosas rain tables da catalana Andere Monjo; as nubes futuristas do cántabro Ciuco Gutiérrez; as mecánicas de Moreno Carretero, ou a combinación de pintura e fotografía do zaragozano Carlos Maño, que suman ata 30 obras en Estar en las nubes.

Horarios da exposición

A exposición permancerá aberta ata o vindeiro 20 de abril na Capela de Santa María no seguinte horario: de luns a venres, de 10:30 a 14:00 e de 17:00 a 20:00 horas; sábados, de 17:00 a 20:00 horas e domingos de 11:00 a 14:00 horas. A entrada é totalmente gratuíta.