Deputación de Lugo

A Deputación estrea un plan pioneiro de mellora das estradas provinciais dos 67 Concellos co que aforra 3 millóns de euros

O Presidente destacou que é a primeira vez que se empregan os medios públicos do Parque Móbil para este plan, reducindo os custes da Deputación dos 18 ós 15 millóns de euros Preto de 30 operarios e 25 máquinas iniciaron os traballos no Cinturón Comarcal ó seu paso por Friol e actuarán na totalidade da rede viaria provincial durante os vindeiros 11 mesesA Deputación investirá este ano na mellora de rede viaria provincial 21 millóns de euros, a suma do novo plan que potencia o servizo público máis o de Conservación de 6 millóns de euros

O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, xunto ó Deputado de Xestión Territorial, Manuel Martínez, e ó Deputado de Cooperación e Asistencia ós Concellos, Álvaro Santos Ramos, deu conta este mércores da posta en marcha dun plan pioneiro de mellora da rede viaria provincial, a máis extensa de España ó superar os 4.200 quilómetros, que permitirá acondicionar as estradas provinciais dos 67 Concellos e aforrar 3 millóns de euros á Deputación. Gómez Besteiro explicou que se estrea una nova fórmula de recuperación e defensa do público ó empregar os medios do Parque Móbil para a execución desta iniciativa. Coa optimización dos recursos, evítanse contratacións externas e redúcense de 18 a 15 millóns de euros a achega que fai a Deputación con fondos propios.

Preto de 30 operarios e 25 máquinas son os encargados de realizar o plan, que consiste no acondicionamento con rego asfáltico dos puntos quilométricos que o necesiten e na limpeza de cunetas. O dispositivo iniciou os traballos en Friol, onde está a actuar na LU-P-1611. Trátase do chamado Cinturón Comarcal, a estrada máis extensa da Deputación con case 130 quilómetros, que transcorren polo Concello friolés, Guntín, Castroverde, Castro de Rei, Cospeito, Begonte, O Corgo, Lugo, Outeiro de Rei e Pol.

Finalizados os traballos neste vial, o dispositivo continuará coa execución do plan ata completar a rede viaria provincial. Durante 11 meses, que é o prazo de execución desta iniciativa, os operarios e máquinas da Deputación desprazaranse progresivamente por todos os Concellos lugueses para acondicionar as estradas provinciais.

21 millóns de euros

A Deputación de Lugo investirá este ano na mellora de rede viaria provincial 21 millóns de euros, a suma do novo plan que potencia o servizo público da Deputación máis o de Conservación, dotado de 6 millóns de euros. Estas dúas programacións complementan outras actuacións do Goberno Provincial:

Multiplicou por 10 o número de quilómetros con aglomerado en quente, e hoxe son 1.000 os que contan con este material.

Sinalizou os 4.200 quilómetros da rede viaria provincial tras décadas de abandono.

Colocou máis de 3.400 sinais (entre circulares, triangulares e stop).

Un milleiro de paneis direccionais, para alertar da presenza de curvas perigosas.

Máis de 400 balizas de neve, moi necesarias en estradas de alta montaña.

Sinalizou mediante hitos quilométricos todas as estradas da rede provincial, coa súa denominación. En total, colocou máis de 4.000 unidades.

Instalou 13.000 metros de barreiras de seguridade e máis de 4.700 metros de proteccións de seguridade para motoristas.