Deputación de Lugo

Pilar García Porto: 'Núñez Feijóo ten unha débeda cos lucenses que aumenta día tras día'

A Deputada de Economía, Recadación e Facenda insistiu “novamente e as veces que faga falla” na obriga da Xunta de Galicia de pagar as cantidades adebedadas establecidas no convenio de tranferencia dos hospitais de San José e San Rafael ratificado en xaneiro do 2011 García Porto destacou que ante o impago de 800.000 euros pola liquidación definitiva da débeda e os xuros de demora en 2012 e 2013, “ sería un milagre que pagara en tempo os 3,7 millóns que ten que abonar antes do 31 de marzo e os 7,4 millóns restantes para 2015 e 2016”“A débeda da Xunta coa provincia de Lugo non é só de cartos, senón tamén de servizos e infraestruturas”, citando os exemplos da falla de servizos sanitarios no HULA; a estación intermodal, a Vía de Alta Capacidade da Mariña ou o Museo da Romanización no Cuartel de San Fernando

A Deputada de Economía, Recadación e Facenda, Pilar García Porto, denunciou este xoves que “Núñez Feijóo ten unha débeda cos lucenses que aumenta día tras día”, tras demandar ó Sergas que satisfaga a débeda de 800.000 euros que mantén coa Deputación de Lugo, en concepto de xuros de demora por retrasos no pago pola xestión dos hospitais San José e San Rafael dende o 2012.

García Porto insistiu “novamente e as veces que faga falla” na obriga da Xunta de Galicia de pagar as cantidades adebedadas á Deputación de Lugo, “tal e como se establece no convenio ratificado en xaneiro do 2011 por ambas administracións, e que leva incumprindo ano tras ano dende que se asinou”, o que “resulta evidente que Feijóo non paga nin cando asina, malia presumir de bo xestor e de pagar ós proveedores con axilidade, cousa que non é certa”.

A Deputada instou ó Goberno de Núñez Feijóo a “que cumpra como cumpre esta Deputación”, destacando o “tremendo esforzo que facemos por mellorar progresivamente a media de pago ó tempo que mantemos a inversión”, xa que “non se trata dunha cuestión de aforro ou de redución de prazos senón de xestionar de modo eficaz e eficiente de cara ós cidadáns en xeral e ás empresas que traballan coa administración en particular, algo do que Feijóo non pode presumir”. Esta xestión eficaz e eficiente que, segundo subliñou García Porto, “permítenos ser hoxe a Deputación galega que máis axilmente cumpre cos seus pagos”, xa que a institución provincial luguesa paga ós seus proveedores nun prazo medio de 8 días dende que se conforma a factura.

“Feijóo paga tarde e mal”

García Porto aclarou que os cartos que actualmente a Xunta adebeda á provincia, 800.000 euros, responde á liquidación definitiva da débeda e á acumulación dos xuros por demora no pago das anualidades correspondentes a 2012 e 2013. Esta cantidade distribúese do seguinte xeito: 639.200 euros de liquidación definitiva da débeda, e 160.800 euros en concepto de xuros de demora no pago da débeda de 3,7 millóns anuais en 2012, no que se retrasou 9 meses, e doutros 3,7 millóns no 2013, ano no que se retrasou 4 meses. “Con estes antecedentes, sería un milagre que pagara en tempo os 3,7 millóns que ten que abonar antes do 31 de marzo e os 7,4 millóns restantes para 2015 e 2016. E iso si finalmente lle dá por pagar”

“Feijóo acumulará cada vez máis e máis xuros, sen ningún tipo de xustificación polo reiterado incumprimento do convenio que o seu propio Goberno negociou e asinou, e facendo o que mellor sabe: pagar tarde e mal”. García Porto destacou que “non pedimos para a provincia o que non corresponde, só esiximos o que é dos lucenses”.

Débeda de cartos e servizos

Pilar García Porto lembrou que á débeda da Xunta coa provincia de Lugo “non é só de cartos, senón tamén de servizos e infraestruturas”, citando algúns exemplos, como a falla de servizos sanitarios de Hemodinámica 24 horas, Radioterapia e Medicina Nuclear no HULA; a paralización do proxecto da estación intermodal, que permitiría a chegada do AVE e a modernización do transporte en toda a provincia; a Vía de Alta Capacidade da Mariña, ou o Museo da Romanización no Cuartel de San Fernando, na capital luguesa. “