Deputación de Lugo

A Deputación prestou asistencia xurídica a 50 Concellos en máis de 400 preitos durante o ano 2013

- Pilar García Porto fixo balance destas asistencias, que supuxeron un 10% máis que no 2012, e nas que destacan un 63% de procedementos contenciosos; un 24% de sociais; un 11% de civís e un 2% de penais  - Os técnicos provinciais redactaron, a petición de 22 Concellos, un total de 23 informes xurídicos, tanto preceptivos coma de asesoramento legal, un 26% dos cales foron relativos a contratación; un 21% en materia de persoal e máis dun 18% de urbanismo, entre outros - Aprobada en Xunta de Goberno a conta xustificativa dunha das últimas obras do Plan de Comunidades Veciñais 2013, financiada ó 100% con 2.500 euros para a mellora dotacional do rural do Concello  de Burela

A Vicevoceira provincial socialista, Pilar García Porto, fixo balance, tras a Xunta de Goberno celebrada hoxe,  dos servizos de asistencia xurídica que a Deputación de Lugo prestou dende a Área de Cooperación e Asistencia ós Concellos durante o ano 2013. Así, 50 Concellos recibiron asistencia nun total de 402 preitos, o que para estes Concellos supuxo un aforro dun 500.000 euros. Tal e como aclarou García Porto, esta cantidade é estimada e, con toda seguridade, sería maior unha rematado o procedemento, xa que está calculada atendendo ás táboas de valoración oficial, deixando ó marxe outras cantidades máis complicadas de estimar, coma os honorarios dos avogados.

Estes 402 procedementos, que supoñen un 10% máis con respecto ó 2012, foron na súa inmensa maioría relativos á xurisdición do Contencioso, os cales representan un 63% do total. En segundo lugar, destacan os procedementos sociais, cun 24%, seguidos por un 11% de procedementos civís e, finalmente, os procedementos penais, que cun 2% teñen unha representación significativamente menor.

En canto ás materias, no caso dos procedementos contenciosos destacan os relativos ás reclamacións por responsabilidade patrimonial, cuestións de ordenación urbanística e as licenzas. En canto á vía do Social, a inmensa maioría dos procedementos foron relativos a materias de despedimentos e de recoñecemento de dereitos laborais e, pola súa banda, os correspondentes á Xurisdición Civil destacan signficativamente os relativos a procedementos concursais de empresas e débedas das administracións, cun amplo 90%.

Solicitudes de informes
Os servizos de asistencia xurídica que a Deputación presta de xeito gratuíto a todos os Concellos da provincia non se limitan ós preitos, de xeito que outra das tarefas desenvolvidas polos técnicos provinciais é a redacción de informes a petición dos propios municipios.

Así, durante o 2013, a instancias de 22 Concellos redactáronse un total de 23 informes xurídicos, tanto preceptivos coma de mero asesoramento legal.

As materias obxecto destes informes foron variadas, malia que destacan as cuestións relativas á contratación administrativa cun 26% do total; cuestións de xestión de recursos humanos e persoal cun 21%; ou cuestións de urbanismo, cun 18%, seguidas por informes relativos a outras materias coma a aplicación da Lei Orgánica de Proteccion de Datos, a redacción de convenios de colaboración ou materias de orde económico- financeira, entre outras.
García Porto destacou que este tipo de colaboración gratuíta para todos os Concellos lucenses ten unha importancia “indiscutible” por supoñer un aforro para as arcas municipais, xa que “moitos destes municipios serían incapaces de asumir a carga económica de contratar este tipo de servizos no mercado, ó non contar con persoal especializado propio para estas funcións”.

A asistencia xurídica, que consiste no asesoramento e a representación e defensa en xuízo en todo tipo de procesos xudiciais, non é a única colaboración que se presta dende a área de Cooperación e Asistencia ós Concellos. O persoal técnico da Deputación tamén presta asistencia técnica, en materias como urbanismo, novas tecnoloxías ou medio ambiente; asistencia económico-financeira; asistencia en materia de contratación administrativa; de recursos humanos ou en funcións reservadas -en materias reservadas ós funcionarios con habilitación de carácter estatal-, por citar algunhas.

Outros asuntos
Outro dos asuntos aprobados hoxe na Xunta de Goberno foi a xustificación de conta dunha mellora realizada ó abeiro do Plan de Comunidades Veciñais 2013. En concreto, trátase da adquisición de equipamento informático solicitada pola Asociación de Comerciantes, Industriais e Autónomos de Burela, ACIA, que a institución provincial financiou ó 100% con 2.556 euros.

O Plan de Comunidades Veciñais 2013 contou dun orzamento de 2 millóns de euros, e grazas a el se realizaron diversas actuacións para a mellora das dotacións públicas, especialmente no entorno rural, de todos os Concellos da provincia. As actuacións financiadas fundamentalmente no acondicionamento de camiños e outras accesos veciñais (máis de 61% do total), seguidos polas melloras en instalacións comunitarias, como o caso dos locais sociais (preto do 30%). As restantes repártense entre instalación de parques biosaudables ou infantís ou o arranxo de fontes ou redes de abastecemento de auga (un 6 e un 3,5%, respectivamente).