Deputación de Lugo

A Deputación de Lugo apoiará novamente ás reivindicacións en prol dunha sanidade pública e de calidade

Imaxe deputación de lugo
Deputados provinciais secundarán mañá as manifestacións convocadas en Lugo, Burela e Monforte en defensa da sanidade pública e nas que cidadanía e os principais sindicatos denunciarán os ataques ó sistema público de sanidade

Deputados provinciais tomarán parte este mércores nas manifestacións convocadas nas principais cidades de toda Galicia en defensa da sanidade pública e en contra das medidas impostas polos Gobernos central e autonómico, como o copago dos medicamentos e a progresiva privatización de servizos sanitarios como o mantemento dos equipos, a atención ós accidentados leves de tráfico, as telecomunicacións ou a esterilización de materiais.

Representantes do organismo provincial tomarán parte nas mobilizacións convocadas en Lugo e Monforte de Lemos, previstas para as 20:00 horas, e Burela, ás 20:30 horas, coas que os veciños denunciarán o ataque que supoñen as políticas de recortes emprendidas polos Gobernos central e autonómico.

Ademais das críticas xerais polo progresivo desmantelamento do sistema sanitario público, as mobilizacións terán un carácter especial en puntos como a Mariña, onde o deterioro do Hospital da Costa será obxecto, novamente, de denuncia. Persoal sanitario e usuarios veñen denunciando dende hai tempo a situación actual do centro hospitalario de Burela, caracterizada polo deterioro do instrumental, a falla de servizos, a escaseza de facultativos ou as continuas derivacións de pacientes a outros centros hospitalarios, co gasto que para os cidadáns supoñen estes traslados forzosos.

As manifestacións previstas contan co apoio dos sindicatos UXT, CC.OO., CIG, C-SIF, CESM, Omega e SAE, cuxos representantes respaldarán á cidadánía que, previsiblemente, voltará a encher as rúas como en anteriores convocatorais. cidadanía.