Deputación de Lugo

A Axencia Española de Medicamentos e organizacións sindicais interésanse polas cláusulas sociais da Deputación de Lugo

Imaxe deputación de lugo
A entidade adscrita ó Ministerio de Sanidade quixo coñecer de primeira man as obrigas esixidas ás empresas, e os sindicatos reclaman que este modelo de contratación que blinda ós traballadores se estenda a todas as administracións Por iniciativa de Gómez Besteiro, o Parlamento galego e o Congreso dos Deputados debaterán unha proposición non de lei que insta á Xunta de Galicia a seguir o camiño da Deputación

A Axencia Española de Medicamentos e Produtos Sanitarios, entidade adscrita ó Ministerio de Sanidade, así como organizacións sindicais a nivel autonómico e estatal, interesáronse pola iniciativa da Deputación de Lugo de impoñer cláusulas sociais en tódolos contratos de servizos para blindar os dereitos dos traballadores.

A Axencia de Medicamentos quixo coñecer de primeira man o pioneiro modelo de contratación socialmente responsable que ten en marcha a institución lucense, tanto os criterios de valoración introducidos nos pregos –número de contratos indefinidos, melloras nas condicións laborais ou inserción de persoas con discapacidade-, como as obrigas esixidas ás empresas durante a execución do contrato –cumprir coas condicións laborais ofertadas e manter as condicións económicas e sociais previstas no convenio estatal ou sectorial-.

Pola súa banda, sindicatos como Comisións Obreiras ou CIG, celebraron a decisión da Deputación, que cualificaron de “moi positiva”, ademais de reclamar que se estenda a todas as administracións galegas. Precisamente, este é o obxectivo do Presidente, José Ramón Gómez Besteiro. “Non nos conformamos con ser pioneiros na defensa dos dereitos laborais”, subliñou no Pleno do pasado martes, antes de anunciar a súa intención de levar ó Parlamento autonómico e ofrecer a todos os Concellos de Galicia a iniciativa de incorporar cláusulas sociais nos contratos.

A Cámara galega debaterá de feito, por iniciativa de Besteiro, unha proposición non de lei rexistrada xa, que insta á Xunta a seguir o camiño que abriu a Deputación de Lugo e impoñer cláusulas sociais nos contratos públicos da administración autonómica coas empresas privadas. O Congreso dos Deputados tamén abordará a proposta.