Deputación de Lugo

Expertos analizarán o martes en Monforte o sector vinícola nun debate aberto e gratuíto

- Deputación e Economía Dixital, en colaboración co grupo El Progreso, organizan unha nova xornada do ciclo Galicia en clave económica, que se celebrará ás 19:30 horas, no Centro do Viño de Monforte - Miguel Otero Simón, Xoán Cannas e José Manuel Rodríguez González serán os encargados de analizar o sector vinícola e os seus desafíos - A Fundación TIC encargarase da retransmisión en streaming do debate, para que todos os interesados poidan seguilo en directo dende www.deputacionlugo.org

A Deputación de Lugo e Economía Dixital, en colaboración co grupo El Progreso, celebrarán o vindeiro martes, 27 de maio, ás 19:30 horas no salón de actos do Centro do Viño, no Concello de Monforte de Lemos, unha nova xornada do ciclo Galicia en clave económica. Os debates, abertos e gratuítos, analizan diversos ámbitos como a economía, o emprego, a empresa, as finanzas ou a situación demográfica na que se atopa Galicia na actualidade.

Nesta ocasión, o tema abordado será o sector vinícola, cunha ponencia que leva por título O viño e os seus desafíos. Con preto de 3.000 viticultores inscritos no consello regulador da Ribeira Sacra, trátase dun sector clave para a provincia. A produción de uva na Ribeira Sacra foi de preto de 5 millóns de quilos de uva na última vendima.

Para analizar este sector, o debate contará coa presenza dos seguintes poñentes:
- Miguel Otero Simón: Director do Máster en Dirección e Xestión do Comercio Exterior da USC é, ademais, profesor de Internacionalización e Investigación de Mercados na USC no departamento de Organización de Empresas e profesor asociado do Instituto Tecnolóxico de Monterrey. 
- Xoán Cannas: director do Instituto Galego do Viño e Director de Programación da Aula de Viño de Novacaixagalicia.
- José Manuel Rodríguez González: Presidente da Denominación de Orixe Ribeira Sacra.

Como en anteriores ocasións, a Fundación TIC encargarase da retransmisión en streaming do debate para que todos os interesados poidan seguilo en directo a través da páxina web da Deputación: www.deputacionlugo.com