Deputación de Lugo

A Deputación convoca xuntanzas participativas nos partidos xudiciais para elaborar o orzamento 2015

- Gómez Besteiro avanzou a posta en marcha de 3 modalidades de participación cidadá na elaboración do presuposto: presencial, nas xuntanzas nos 9 partidos xudiciais; on line, no portal www.orzamentosparticipativos.org; e través das redes sociais - A institución arranca esta nova fase do proxecto de elaboración do 1º orzamento participativo dunha Deputación en España, que terá a de Lugo no 2015, tras máis de medio ano de traballo, avaliando con expertos a viabilidade e legalidade xurídica desta iniciativa sen precedentes

O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, xunto á Deputada de Economía, Recadación e Facenda, Pilar García Porto, e ó Presidente da Federación de Asociacións Veciñais de Lugo, Jesús Vázquez, avanzou este sábado unha nova fase do proxecto de elaboración do 1º presuposto participativo dunha Deputación que España, no que leva traballando a de Lugo máis de medio ano para a súa entrada en vigor no 2015. Trátase da posta en marcha de 3 modalidade de participación cidadá, “poñendo a disposición dos veciños todas as ferramentas posibles coas que garantir a máxima participación. De xeito presencial, en xuntanzas participativas nos 9 partidos xudiciais da provincia; on line, a través do potal web www.orzamentosparticipativos.org; e mediante as redes socias, xa consolidadas nesta institución”, subliñou Gómez Besteiro.

1º FERRAMENTA DE PARTICIPACIÓN: a celebración de xuntanzas participativas nos 9 partidos xudiciais da provincia. “Iniciaremos estes encontros na Montaña, sempre esquecida polos Gobernos do PP na Deputación”. Deste xeito, a primeira xuntanza participativa será na Fonsagrada, o 30 de xuño. Continuarase co seguinte calendario: Viveiro, 1 de xullo; Monforte, 8 de xullo; Vilalba, 15 de xullo; Sarria, 17 de xullo; Chantada, 22 de xullo; Becerreá, 29 de xullo; Mondoñedo, 30 de xullo; e Lugo, 31 de xullo. O Presidente detallou en que consistirán as xuntazas particativas, explicando que:

  • haberá unha introdución, na que se dará conta do contexto xeral do orzamento da Deputación (a súa evolución, o descenso da débeda, as partidas para gastos de persoal ou o recorte nas transferencias do Estado); e farase un balance sobre a relación do organismo provincial co partido xudicial correspondente.
  • entregaranse unhas fichas de participación cidadá para que cada veciño opine e elixa cales deben ser, baixo o seu criterio, as prioridades do orzamento da Deputación no seu partido xudicial en base as seguintes 12 áreas de actuación: fomento do emprego; promoción de novas tecnoloxías; desenvolvemento de políticas sociais; igualdade; coidado do medioambiente; promoción de actividades económicas; infraestruturas; cultura; cooperación cos Concellos; promoción de políticas demográficas; fomento do deporte e impulso do turismo. Elixirán un máximo de 3 áreas de actuación, puntuándoas do 1 ó 3, sendo 1 a puntuación máis alta, é dicir, a área que se considera prioritaria.
  • cubriranse ditas fichas, engadindo os datos persoais, e garantindo a súa protección, co fin de corroborar a identidade dos participantes. Deben ser maiores de 16 anos e estar empadroados nun municipio do partido xudicial onde se fai a consulta. Para garantir esta premisa, na ficha incluirase unha declaración xurada, onde o cidadán manifesta que reside no municipio que indicou e que a súa participación é para dito Concello. Os cidadáns recibirán un resgardo oficial, acreditando a súa participación. 
  • finalmente, abrirase un período de intervencións para que os cidadáns expoñan os problemas do seu Concello ou para que fagan propostas e aportacións.

2º FERRAMENTA DE PARTICIPACIÓN: a posta en marcha do portal web www.orzamentosparticipativos.org para que os cidadáns que non poidan opinar sobre as súas prioridades de xeito presencial nas xuntanzas participativas o fan a través de Internet.

3º FERRAMENTA.- As redes sociais, “xa consolidadas na Deputación, a través das cales os cidadáns tamén poderán facer chegar a súa voz”.

Para o resultado final, recompilaranse as opinións, prioridades e propostas realizadas a través das 3 ferramentas de participación por partido xudicial. 

Xornadas de dinamización
O Presidente adiantou que se celebrarán xornadas de dinamización días antes de cada unhas das 9 xuntanzas participativas nos partidos xudiciais para promocionar as 3 modalidades de participación. A primeira terá lugar o vindeiro venres, 27 de xuño, na Fonsagrada. A Deputación levará a este Concello un expositor informativo e material didáctico, detallando cada unha das ferramentas participativas que a Deputación pon a disposición dos veciños.

Prazos
Pilar García Porto apuntou que dende finais de xuño e durante xullo, os veciños opinarán sobre as súas prioridades nas xuntanzas participativas por partido xudicial, no portal www.orzamentosparticipativos.org e a través das redes sociais. “En base a estes resultados, é dicir, ás prioridades establecidas polo cidadáns a través das 3 ferramentas de participación, durante os meses de agosto e setembro, unha comisión técnica da Deputación será a encargada de realizar un informe sobre a súa viabilidade, deseñar os plans de actuación, determinar a dispoñibilidade orzamentaria ou estudar as colaboracións con outras administracións. Á volta do verán, comunicarase a todos os participantes as conclusións finais cos plans de actuación por áreas. Todo isto, para que o 1 de xaneiro, tal e como sempre fai este Goberno Provincial, entre en vigor o orzamento de 2015, o primeiro participativo dunha Deputación en España”.
 
Máis de medio ano de traballo
A Deputacion leva dende finais do ano pasado traballando no orzamento participativo 2015, “un proxecto complicado e longo, posto que non hai precedentes”, destacou Gómez Besteiro. Só existe unha única experiencia piloto na Deputación de Guipúzcoa, que someteu á participación cidadá unha pequena parte do seu presuposto, 500.000 euros, e nun determinado territorio. Pola súa banda, as Deputacións de Málaga e Barcelona impulsaron presupostos participativos en Concellos das súas provincias, pero non fixeron participativo o seu propio orzamento. “Polo tanto, a de Lugo é a primeira Deputación en España que somete á participación cidadá e a debate a totalidade do seu presuposto”, remarcou.

Dende finais do ano pasado, o organismo provincial avanzou neste proxecto totalmente novidoso, facendo investigacións e avaliacións para garantir a súa viabilidade e legalidade xurídica. O Presidente explicou que “mantivemos conversas con institucións como a Deputación de Guipúzcoa, que levou a cabo dito proxecto piloto; coa Xunta de Andalucía, posto que é a Comunidade Autónoma de España na que máis municipios incorporaron presupostos participativos; así como cos Concellos de Sevilla, Málaga ou Córdoba, onde houbo algunha experiencia”. Ademais, consultou este proceso con destacados expertos como Fernando Pindado, que foi subdirector xeral de Participación Cidadá da Generalitat de Cataluña e impulsou varias experiencias neste eido a nivel autonómico, estando no Goberno José Montilla; Antonio Carrillo Cano, que colaborou na elaboración da Lei de Participación Cidadá da Xunta de Andalucía; Francisco Francés, profesor da Universidade de Alicante e un dos autores do libro máis completo e actual sobre presupostos participativos en España: El círculo virtuoso de la democracia: los presupuestos participativos a debate; así como con outros profesionais da plataforma presupuestosparticipativos.com ou da consultora galega Cidadanía. Da mesma forma, “acadamos a colaboración da Confederación Galega de Asociacións de Veciños (COGAVE) e enviamos 1.000 cartas a todos os colectivos da provincia, así como máis de 2.000 mailings, na procura da máxima participación cidadá no noso proxecto”.

Jesús Vázquez confirmou que as asiacións veciñais recibiron as 1.000 cartas enviadas pola Deputación e adiantou que os colectivos están convocando asambleas nas que organizar a súa asistencia ás xuntanzas participativas nos 9 partidos xudiciais. Vázquez fixo un chamamento ós veciños para que se involucren na elaboración do orzamento participativo da Deputación para 2015.