Deputación de Lugo

O Centro de Artesanía e Deseño encherase mañá co son das zanfonas

Imaxe deputación de lugo
- A Deputada de Deseño e Artesanía, Regina Polín, entregará mañá ás 20:00 horas, as zanfonas e os respectivos diplomas ós alumnos do obradoiro de construción deste instrumento tradicional celebrado no Centrad
- Polín agradeceu o labor de alumnos e artesáns do Obradoiro de Instrumentos do Centro, pola “apaixoada labor de recuperación da memoria colectiva e de conservación e potenciación da tradición cultural musical lucense e galega”
- O acto contará con actuacións a cargo dos propios alumnos e de músicos profesionais como o grupo Pi Zanfona, o zanfonista Germán Díaz e os músicos Mini e Mero, así como profesores da Tradescola lucense

A Deputada de Deseño e Artesanía, Regina Polín, fará entrega, nun acto que se celebrará no Pavillón 4 do Centrad este xoves a partires das 20:00 horas, dos seis instrumentos construídos alumnos do curso de construción de zanfonas, enmarcado dentro da oferta formativa do Centro de Artesanía e Deseño do 2013, así como dos correspondentes diplomas que acreditan a formación especializada recibida entre o 14 de outubro de 2013 e o día 30 do pasado mes de maio.

Regina Polín quixo agradecer o labor dos alumnos e dos artesáns do Obradoiro de Instrumentos do Centro, pola “apaixoada labor de recuperación da memoria colectiva e de conservación e potenciación da tradición cultural musical lucense e galega”, que levaron a cabo coa elaboración destas pezas clásicas.

Os asistentes ó acto terán a oportunidade, non só coñecer o aspecto e características deste instrumento tradicional, senón de gozar co seu son, grazas ás actuacións que correrán a cargo dos propios alumnos deste curso –algún dos cales é músico profesional-, así como de  profesores e alumnos da Tradescola lucense; o grupo musical Pi zanfona; o zanfonista Germán Díaz, e os músicos lucenses Mini e Mero, ós que acompañarán alumnos de anteriores edicións desta acción formativa.

Seis zanfonas feitas a man
A zanfona é un instrumento de corda composto por unha roda de madeira resinada que fai vibrar dúas ou tres cordas ó tempo que un teclado incide sobre elas, variando a súa lonxitude e xerando diferentes notas. O seu aspecto é bastante similar ó dunha guitarra, malia que, para tocala, a zanfona mantense sobre as pernas. As súas orixes remóntanse á Idade Media nos tradicionais “cantares de cego”.

As zanfonas elaboradas durante este obradoiro construíronse empregando madeiras de variedades como nogueira americana, nogueira do país, buxo, pino, abeto, ébano ou pereira, e son froito dun traballo laborioso de tallado á man, xa que están compostas por 300 pezas individuais, aproximadamente.