Deputación de Lugo

A Deputación organiza en Monforte dúas novas xornadas formativas gratuítas sobre agricultura ecolóxica

Imaxe deputación de lugo
- O Concello de Monforte acollerá dous seminarios sobre comercialización de produtos ecolóxicos e compostaxe e biofertilizantes, hoxe e o 19 de xullo, respectivamente - Destacados expertos abordarán temas como a certificación ecolóxica; os mercados de proximidade de produtos ecolóxicos, ou a elaboración de compostaxe de calidade - A agricultura ecolóxica está experimentando un auxe na nosa provincia, tralo aumento dun 8,22% de superficie inscrita no Consello Regulador

A Deputación de Lugo continúa co “Mes da agricultura ecolóxica”, o ciclo de xornadas formativas gratuítas que celebra por toda a provincia. Trala celebrada o pasado día 23 en Mondoñedo –á que seguirá outra o vindeiro 28 deste mesmo mesmo-, nesta ocasión a formación arrinca no Concello de Monforte de Lemos. O Salón de Actos do Edificio Sindical acollerá, hoxe e o vindeiro 19 de xullo, dous seminarios centrados no mercado e comercialización de produtos ecolóxicos, e a compostaxe e os biofertilizantes, respectivamente.

O seminario de hoxe, que leva por título Mercado e comercialización de produtos ecolóxicos, arrincará ás 16:00 horas cunha ponencia a cargo de Carlos Brea, perito agrícola e especialista en agricultura ecolóxica. Tras el, Ernesto Sánchez Salgado, director técnico do Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia- CRAEGA, falará acerca dos requisitos que debe cumprir un produtor ou elaborador para que o seu produto teña a calificación de ecolóxico, así como as características máis destacadas para recoñecer os produtos ecolóxicos no mercado. A continuación, diversos produtores ecolóxicos da provincia serán os encargados de falar acerca da venda, os prezos, a demanda ou os lugares de comercialización destes produtos. Os participantes na xornada terán a oportunidade de realizar as preguntas que consideren.

O seguinte seminario que se celebrará en Monforte, o vindeiro día 19 de xullo, será A compostaxe e os biofertilizantes, na que novamente participará Carlos Brea para falar acerca da elaboración dun compostaxe caseiro de calidade; Sergio Quiroga, xerente de Ecocelta, será o encargado de falar das materias primas necesarias para a elaboración de compostaxes industriais e do seu etiquerado, así como das especies e a calidade do humus de miñoca. A continuación, de novo Carlos Brea ofrecerá unha ponencia sobre a preparación de biofertilizantes e a mellora dos cultivos coa súa utilización.

A agricultura ecolóxica está experimentando un auxe na provincia, rexistrando un aumento dun 8,22% de superficie inscrita no CRAEGA, o que supón unha suba superior á da Comunidade. Ademais, Galicia rexistrou, no ano 2013, 523 produtores e 133 elaboradores, o que supón un aumento do 8,07% respecto ó 2012. O volume de negocio alcanzado no pasado ano na nosa Comunidade sufriu un aumento do 11,26%.