Deputación de Lugo

A Deputación de Lugo celebra a segunda edición do MusicAD con concertos e actividades infantís

- Regina Polín presentou os actos gratuítos que se desenvolverán entre o 29 e o 31 de maio na Capela de Santa María a partires das 20:30 horas a cargo de Clave de Fado, Hércules Brass e Alén de Ningures
- 24 rapaces de 5 a 12 anos poderán participar, o día 31 a partires das 18:30 horas, nun obradoiro gratuíto impartido pola ilustradora Alba Nimbos no que elaborarán un puzle xigante e cheo de cores co rostro de Rosalía de Castro

A Deputada de Artesanía e Deseño, Regina Polín, acompañada por Iria Estévez, vocalista de Clave de fado, presentou esta mañá a programación de concertos cos que a institución provincial celebra a segunda edición do MusicAD, a semana da música no Centrad, que se celebrarán entre os días 29 e 31 deste mesmo mes na Capela de Santa María.

Polín subliñou que, nesta ocasión, o Centro de Artesanía e Deseño, “que é tamén casa da música”, ten previsto celebrar tres concertos de estilos que van dende a música clásica, o fado e mesmo o jazz, así como actividades dirixidas ós máis novos. A Deputada destacou que “precisamente, hai un ano, o Centrad acollía unha exitosa primeira convocatoria deste evento organizado polo Día Internacional da Música e coa que celebrabamos a inauguración dunha nova sala, a Antón de Marcos, da Colección de Instrumentos Musicais e Obxectos Sonoros, unha das xoias do CENTRAD e da cultura musical galega”.

Programación de actividades
O primeiros dos Concertos terá lugar o día 29 de maio, a partires das 20:30 horas, e estará a cargo do conxunto Clave de fado. Trátase dun trío composto pola vocalista Iria Estévez; Pepe Piña, guitarrista e intérprete do bouzoki que interpretarán versións de clásicos da música galega e portuguesa, así como temas propios.

Nacido no ano 2009 coa intención de crear unha formación musical diferente, interpretada cunha sonoridade propia a través dunha instrumentación pouco habitual, da que é exemplo precisamente o uso do bouzoki, un instrumento de corda típico do floclore grego. Farán un percorrido polos distintos tipos de fados e as músicas galegas máis poéticas, combinando así a frescura dos fados máis alegres coa emoción da cantiga galego e fados máis profundos.

O venres 30, tamén ás 20:30 horas, será o momento do quinteto de metais Hércules Brass, que ofrecerá un repertorio de pezas do Barroco, obra de compositores como Purcell, J. S. Bach ou Mozart. Hércules Brass naceu no 2012 e está formado por intérpretes de trompeta, trompa, trombón e tuba. Malia súa breve historia, este conxunto xa foi merecedor de diferentes galardóns, como o 1º Premio no IV Concurso de Vent-Metall de Benimodo (Valencia), ademais de ter sido finalistas na 8ª edición da prestixiosa competición internacional Jan Koetsier for Brass Quintet de Munich, e semifinalistas no 8º International Chamber Music Competition de Lyon (Francia). Este concerto está incluído, asímesmo, na programación do XLII Festival de Música Cidade de Lugo.

A música do grupo de compositores galegos contemporáneos Alén de Ningures será a encargada de pechar este ciclo. O día 31, ás 20:30 horas, Manuel Rodeiro, Juan Carlos Martínez Fontana, Jesús González e Antón Pulido partirán de temas significativamente galegos, como a poesía de Xosé María Díaz Castro ou a emigración, con outros máis orixinais, como o Madrid dos anos da movida ou pasaxes da Biblia para ofrecer un repertorio conformado por sete pezas. A entrada a todos estes concertos é totalmente gratuíta e libre ata completar o aforo.

Actividades gratis para nenos
Os actos do MusicAD compartirán espazo e tempo con actividades gratuítas dirixidas ós máis novos. O venres 30 de maio, entre as 18:30 e as 20:30 horas, a ilustradora Alba Nimbos impartirá un obradoiro no que 24 rapaces de 5 a 12 anos. Entre todos os participantes poderán elaborar un puzle xigante e cheo de cores co rostro de Rosalía, para o que os rapaces terán que muscar as pezas e aprenderán a técnica do serigrafiado. É recomendable que os nenos vistan  roupa axeitada para traballar con diferentes materiais de debuxo.