Deputación de Lugo

A Deputación de Lugo, principal patrocinador da feira Equigal, referencia do mundo do cabalo en Galicia

- A institución provincial financia máis do 90%  deste evento coa sinatura dun convenio de colaboración coa Fundación Feiras e Exposicións por valor de 21.000 euros - Lara Méndez destacou a rendabilidade desta cita, que na pasada edición xerou un volume de negocio máis de 310.000 euros, “uns beneficios de máis de 10 euros por cada euro investido”- Os organizadores prevén mellores datos que na pasada edición, na que participaron 59 gandeirías presentando máis de 130 animais e foi visitada por máis de 15.000 persoas

A Vicepresidenta Segunda, Lara Méndez, acompañada por Rubén López, xerente do Pazo de Feiras e Congresos, presentou hoxe no Salón de Actos de San Marcos, a 7ª edición de Equigal, a feira equina máis importante de Galicia, que se celebra esta fin de semana no Pazo de Feiras e Congresos de Lugo.

Méndez subliñou que o convenio de colaboración que a Deputación ten asinado coa Fundación Feiras e Exposicións de Lugo, mediante o cal a institución luguesa achega unha subvención de 21.000 euros, convírtea no principal patrocinador dun evento que é, tal e como destacou a Vicepresidenta Segunda, “a feira equina máis importante da Comunidade galega, capaz de xerar un volume de negocio de máis de 310.000 euros en apenas dous días, grazas ós máis de 15.000 visitantes”. Isto dá exemplo da rendabilidade deste evento, xa que supón “uns beneficios de máis de 10 euros por cada euro investido”, subliñou Méndez.

A Vicepresidenta subliñou que “é fundamental que as institucións apoien este tipo de iniciativas, que dinamizan a economía ó impulsar directamente ó sector primario, pero tamén ó sector do ocio, do deporte e doutras actividades relacionadas co cabalo”. Isto tamén supón, de xeito indirecto, un importante pulo “ó sector servizos, posto que todos estes visitantes comen, durmen e mercan nos negocios lucenses”. Méndez tamén quixo destacar a relevancia do evento citando como exemplo a concesión, por parte da Asociación Nacional de Criadores de Cabalos Españois da Categoría Internacional ó Concurso Morfolóxico de Cabalos e Eguas de Pura Raza Española, ou que Equigal ocupe a sexta posición dentro do ránking deste tipo de eventos elaborado por esta Asociación.

Pola súa banda, Rubén López agradeceu a colaboración de todos os patrocinadores e, en especial, a da Deputación de Lugo e destacou a atracción crecente que esta feira ten para o sector, destacando a presenza de gandeirías de primeira liña, coma Torreluna, de Sevilla, ou Real Escuela Andaluza de Arte Ecuestre de Jérez.

Equigal tamén conta coa colaboración doutras administracións e empresas, como o Concello de Lugo; a Fundación Rof Codina, a Escola Naval Militar de Marín, así como distintas asociacións de criadores de cabalos, como ACCEGA (Asociación de Criadores de Cabalos Españois de Galicia); ANCCE (Asociación de Criadores de Cabalos Españois); a Asociación Pura Raza Cabalo Galego ou a Federación Hípica Galega.

Desenvolvemento dos actos
Equigal reunirá, entre o 30 de maio e o 1 de xuño, a milleiros de aficionados ó mundo do cabalo, procedentes de toda Galicia e de moitos puntos da xeografía española. Os seus responsables agardan que este ano se superen amplamente as cifras da pasada edición, na que tomaron parte 59 gandeirías presentando máis de 130 animais, posto que xa está confirmada a participación de máis de 80 gandeirías procedentes de todo o país.

A axenda está chea de actividades pensadas para os profesionais, como os Concursos Morfolóxicos de Cabalos e Eguas de Pura Raza Española, nos que están establecidas ata sete convocatorias para machos e femias de diferentes idades, así como outras dirixidas ós máis novos, como o Espectáculo Carrusel Infantil que se celebrará o sábado pola tarde, para introducir ós nenos no mundo do cabalo.

Pero tamén haberá tempo para admirar os excelentes exemplares presentes; será de 11:00 e as 20:00 horas dos días 30 de maio e 1 de xuño nunha zona especialmente habilitada para exposición e venda dos cabalos e eguas presentados polas gandeirías participantes. A admisión de animais estará aberta ata o xoves ás 21:00 horas. Igualmente haberá unha zona comercial, onde os asistentes poderán mercar centos de artigos especializados: produtos de alimentación e coidados para os animais, prendas e accesorios para a práctica da equitación; pezas de ferraxe e moito máis.