Deputación de Lugo

Deputación e Concello de Ribas de Sil impulsan a XII Festa da Cereixa e do Aceite

A Vicepresidenta Segunda, o Alcalde e un produtor presentaron hoxe a cita que terá lugar esta fin de semana, e na que se porán á venda 2 toneladas de cereixas e entre 200 e 500 litros de aceite.

A Vicepresidenta Segunda, Lara Méndez, o Alcalde de Ribas de Sil, Miguel Ángel Sotuela, e o produtor Miguel Rodríguez González, presentaron este martes, nos xardíns do Pazo de San Marcos, a XII Festa da Cereixa e do Aceite. Na cita, que terá lugar os días 8 e 9 de xuño, poranse á venda 2 toneladas de cereixas e entre 200 e 500 litros de aceite.

Haberá 30 expositores na praia fluvial de San Clodio, 6 deles con cereixas e aceite, e os restantes con outros produtos autóctonos da zona como mel, licores, castañas, doces, queixos ou figos secos. Uns 13.000 euros foi o volume de negocio acadado coa venda directa destes produtos o ano pasado. Os beneficios para o municipio son superiores, tendo en conta os miles de visitantes que recibe Ribas de Sil durante esta xornada.  

A Deputación colabora coa Festa da Cereixa e do Aceite dentro de súa aposta polo impulso dos produtos autóctonos para xerar riqueza debido a súas excepciones características. A cereixa e o aceite de Ribas de Sil son dous produtos de recoñecida calidade e sabor, elementos que se ven favorecidos pola climatoloxía favorable da zona, que tamén inflúe para conseguir unhas colleitas que rondan as 50 toneladas cada tempada. Grazas ás súas cualidades, tanto a cereixa como o aceite están amparados polo rexistro de marcas e patentes, como paso previo e imprescindible a acadar a denominación de orixe.

Programa
A cita comezará oficialmente coa lectura do pregón o sábado ás 21:00 horas, que correrá a cargo de Martín Alemparte, Xerente do Grupo de Desenvolvemento Rural Ribeira Sacra, aínda que a celebración arrancará o sábado pola mañá coa degustación de cereixas trala apertura do recinto feiral e actuacións musicais. O evento completarase con actos folclóricos e actividades para nenos, pasarrúas, ou demostracións artesanais, que continuarán durante a xornada do domingo.