Deputación de Lugo

A Deputación impulsa a XXXI Festa do Emigrante do Concello de Pol

- O evento, organizado por empresarios e  Concello, conta coa colaboración da institución provincial, que fai unha achega de 3.000 euros para financiar as actividades da xornada - A Festa do Emigrante atrae, de media, a máis de 3.000  visitantes e “emigrantes”, o que demostra e reforza o valor desta actividade, que supón un impulso á economía local - A xornada, que se celebra na Carballeira de Mosteiro de Pol, arranca ás 13:00 horas e están programados un xantar popular e actividades que se estenderán ata entrada a madrugada

O Deputado de Cooperación e Asistencia ós Concellos, Álvaro Santos Ramos; o Alcalde de Pol, Lino Rodríguez Ónega e a Concelleira de Servizos Sociais, Marina Ramudo Graña, presentaron este martes no Salón de Actos da Deputación a XXXI Festa do Emigrante do Concello de Pol, que terá lugar o vindeiro domingo 24 de agosto neste Concello. A institución provincial fai unha achega de 3.000 euros para financiar o evento, que ano a ano atrae a unhas 3.000 persoas.

O Deputado de Cooperación e Asistencia ós Concellos destacou que “esta festa é un reclamo turístico para toda a zona, que e axuda a dinamizar a economía da zona, ofrecendo unha alternativa lúdica a veciños e visitantes”. Santos Ramos felicitou ós organizadores do evento, porque a grande acollida da festa  demostra “a boa xestión de todos os implicados”. Pola súa banda, o Alcalde de Pol agradeceu a colaboración da Deputación que “sempre apoiou esta data moi importante para o Concello”. Rodríguez Ónega tamén salientou que “a Festa do Emigrante pon no mapa de milleiros de persoas ó Concello de Pol”.

A orixe desta festa remóntase ós anos 80, cando a provincia lucense sufría un gran descenso de poboación debido á emigración. Nos meses de inverno, a poboación da vila lucense de Pol vía reducido o seu número de habitantes considerablemente e, durante o verán, veciños emigrados e as súas familias voltaban á vila. De aquí nace esta iniciativa que, nos seus comezos, estaba organizada por unha asociación veciñal, co fin de homenaxear a todos estes lucenses emigrados que non dubidaban en voltar a Lugo a pasar os meses estivais, e posteriormente, e dado o poder de convocatoria desta festa, o Concello de
Pol pasou a colaborar e ser o promotor principal da cita.

Programación para os “emigrantes”
As actividades da XXXI Festa do Emigrante comezan ás 13:00 horas cun acto relixioso. Posteriormente, ás 13:30 horas terá lugar a lectura do pregón, co que quedará oficialmente inaugurada a Festa. Nesta edición será a cargo de Patricia Otero, veciña da vila licenciada en Belas Artes e experta en deseño gráfico e comunicación. Ó remate descubrirase unha placa conmemorativa e comezará a sesión vermú, amenizada polo grupo Trío Alba. Logo, ás 15:00 horas terá lugar o xantar popular na carballeira de Mosteiro, preparada para albergar a máis de 2.000 persoas. Pola tarde continúa a festa co Trío Alba e será a partires das 23:00 horas cando as orquestras Israel e Los Player’s se encargarán de animar a xornada, que rematará ó redor das 5:00 horas.