Deputación de Lugo

A Deputación concede a Placa de Honra da Provincia a Darío Rivas

INTERVENCIÓN DO PRESIDENTE, JOSÉ RAMÓN GÓMEZ BESTEIRO:

  “Inicio a miña intervención expresando a satisfacción persoal de abrir este acto con motivo da entrega da Placa de Honra da Provincia a Darío Rivas Cando que é, como sabemos, un dos verdadeiros impulsores e, dende sempre, ese eco aguerrido e incesante na querela Arxentina contra os crimes do franquismo”.

“A súa afouteza pola recuperación da memoria histórica é o froito de toda unha vida de esforzada loita na procura por manter viva a verdade e a xustiza a prol dos dereitos humanos. É por iso que o seu nome supón xa a estas alturas –xunto con outros e outras tamén pioneiros nesta causa– un referente exemplarizante en Galicia, en España e na Arxentina”.

“Sei, e sabemos moi ben dende hai moitos anos, como Darío é coñecido por seguir, ao pé de cada día, a facer historia no nome do seu pai: Severino Rivas Barja. Un labrego demócrata que tivo unha destacada traxectoria vital e política que iniciou de ben novo como activo militante contra a ditadura do xeneral Primo de Rivera, e que posteriormente apoiou, de xeito decidido, a Segunda República Española, proclamada o 14 de abril do 31, despois de gañar, tan só dous días antes, as eleccións municipais a coalición republicana-socialista”.

“Severino compartiu os ideais do Frente Popular e coa maioría solidaria veciñal foi elixido, democraticamente, alcalde do concello de Castro de Rei, o día nove de maio de 1936. É de salientar que cinco anos antes xa fora elixido, por unanimidade, presidente da Agrupación Socialista Agraria”.

“Sabido é que, pasados dous meses, un amplo sector das forzas armadas artimañou unha sublevación que ocupou, tan incivicamente, distintos territorios do Estado español, Galicia entre eles, e de xeito moi especial a nosa provincia, actuando coa violencia e o oprobio deshumano daquel movemento fascista –de tristísima lembranza– denominado Falange Española”.

“Nesta trama, neste antidemocrático escenario histórico, Severino é destituído como alcalde e detido, acusado de traizón á patria e, mesmo, por tenencia ilícita de armas”.

“Consta nos documentos procesuais que foi ingresado na prisión de Lugo o día 26 de agosto de 1936. O mesmo agosto en que era fusilado, na cuneta da estrada de Palas de Rei, o artista e intelectual galego Camilo Díaz Baliño –pai de Isaac Díaz Pardo–, e o mesmo agosto en que, tamén, era asasinado en Granada o poeta Federico García Lorca... e tantísimos outros e outras, que nos dan unha idea da barbarie daquelas estúrdigas mans sanguinarias e executoras das ordes militares fascistas”.
“O pai de Darío foi excarcerado dous meses máis tarde, liberado, pero liberado para a morte, porque ese mesmo día é fusilado na cuneta dereita da estrada que vai a Portomarín”.

“Alguén enterrouno, de xeito anónimo, na fosa común do que hoxe é o cemiterio de Cortapezas. E falo deses alguén porque, segundo milleiros de testemuñas, aos falanxistas gustáballes deixar os cadáveres das súas vítimas ben á vista”.

“E aquí volvo nomear ao admirado Díaz Pardo que tantas veces recordaba a súa condición de supervivente das atrocidades franquistas”.

“Lembraba Isaac, pouco antes do seu falecemento, falando na Comisión da Memoria Histórica, como o coche de línea que o levaba á Coruña paraba cada pouco porque había tirados e atravesados mortos no medio da estrada. Afirmaba el daquela –con voz rotunda e triste–: non os deixaban nas cunetas, non, poñíanos á luz para meter aínda máis medo á xente”.

“Por iso, permitídeme que vos diga que hoxe aquí, neste Salón, latexa un inmenso espírito de esperanza colectiva. Está presente, como poucas outras veces, a vitoria moral e vital dun suposto vencido. Podemos sentir vivo, máis ca nunca, o vento impetuoso de alguén que soubo anoar o esforzo e a valentía para dignificar a memoria do nome do seu pai. Estou a falar, obviamente, de Darío Rivas Cando, que despois de medio século, en 1994, conseguiu, coa colaboración da Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica, localizar o corpo do seu pai para poder darlle un emotivo e digno enterramento”.

“A distinción que hoxe lle outorgamos nesta Deputación, xustifícase, xa que logo, no lexítimo recoñecemento do que é merecente a súa incansable e exemplar traxectoria de irrenunciable compromiso en favor dos Dereitos Humanos”.

“É de subliñar que grazas á denuncia que foi presentada o 14 de abril do 2010, tanto polo propio Darío como por outros familiares de asasinados e asasinadas, o Xulgado Nacional do Criminal e Correccional Federal de Bos Aires, a través da xuíza Dona María Servini de Cubría, iniciou os trámites para darlle luz a todas as verdades da verdade para que así se aplicase, por fin, esa tan agardada xustiza”.

“Quixera rematar esta homenaxe con palabras ben definitorias que Darío escribiu nunha carta profunda, sentida e humana que considero de altísimo valor conceptual, mesmo no aspecto literario. Nela podemos ler, por exemplo:

- Só trato de transmitir o coñecemento da verdade histórica como xa o pediran oportunamente Ortega Gasset e Azaña.

- O máis importante non é buscar castigo para os culpables; sufriremos moito menos se convertemos aos nosos mortos en heroes.

- O camiño da concordia e a reconciliación non exclúe a Xustiza, nin implica o esquecemento, pero esixe a memoria completa e o recoñecemento de todas as culpas. Só a partir de aí, poderase lograr algún día esa reconciliación.

- O camiño da pacificación require principios, xenerosidade e actitudes éticas (...) porque sen memoria non hai xustiza.

“Estimado Darío Rivas Cando, grazas polo seu exemplo. Dende esta Deputación, grazas –tamén– en nome de toda a provincia de Lugo e de toda Galicia.

E vaia –hoxe e para sempre– a nosa admiración e afecto nesta Placa Honra da provincia que tan merecidamente lle outorgamos porque certo é que sen memoria histórica nunca haberá xustiza, nunca”.