Deputación de Lugo

A Deputación de Lugo súmase ás felicitacións ó galego Gómez Noya polo seu 4º título mundial

Imaxe deputación de lugo
O Presidente da Deputación felicitou hoxe ó deportista dende a institución provincial, logo de transmitirlle xa onte de xeito persoal os seus parabéns nas redes sociais

O Presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, sumouse hoxe ás felicitacións ó galego Javier Gómez Noya, que onte sumou un novo título ó seu extenso palmarés. O máximo responsable provincial quixo dar a noraboa a Gómez Noya, no seu nome e no de toda a corporación provincial, logo de que o deportista galego se proclamara vencedor no Campionato do Mundo de Triatlón celebrado en Canadá. Con este, xa son catro os títulos mundiais cos que conta o pontevedrés fillo de emigrantes suizos.

No telegrama enviado hoxe, Gómez Besteiro, que xa onte daba a noraboa ó atleta a través da súa conta de twitter, @jrgomezbesteiro, felicitou a Gómez Noya polo novo triunfo que, “xunto ós acadados na súa brillante traxectoria deportiva”, fan de Javier Gómez Noya “un dos mellores deportistas galegos de todos os tempos”, o que “como galego éncheme de orgullo e dita”, á vez que lle desexou que estes éxitos continúen.