Deputación de Lugo

A Deputación colabora na homenaxe popular ó poeta do Páramo Arcadio López Casanova

Imaxe deputación de lugo
- A institución provincial presta o seu apoio á organización do acto de recoñemento a López Casanova, eloxiando o seu traballo en prol da lingua e da cultura galega a través da poesía, contos infantís e estudos literarios- A cita celebrarase no Campo da Feira do Páramo o día 10 de agosto a partir das 12:30 horas, e será un acto aberto á participación de todos os veciños

A Deputación de Lugo colabora, a través do Centro de Artesanía e Deseño, coa homenaxe popular ó escritor e investigador lucense Arcadio López Casanova, que se celebrará este domingo, 10 de agosto, no Campo da Feira do Páramo, a partires das 12:30 horas. A institución provincial luguesa quere recoñecer a figura do “poeta do Páramo” prestando axuda na organización desta iniciativa ós seus organizadores, varias asociacións culturais deste Concello lugués.

A Deputada de Deseño e Artesanía, Regina Polín eloxiou o traballo realizado polo poeta en prol da lingua e da cultura galega, afirmando que “dende a Deputación apoiamos dende o principio e sen pensalo esta iniciativa, xa que pretende recoñecer o legado cultural dun lucense que entregou case medio século a poñer en valor a nosa cultura”, sinalou Polín.

Traxectoria de López Casanova
Arcadio López Casanova, ingresou na Real Academia Galega a finais do pasado ano como recoñecemento ó seu traballo en defensa do galego. Catedrático de Lingua e Literatura Española, exerce como profesor na Universidade de Valencia. Durante case medio siglo de traxectoria, este literato lucense escribiu poesía, contos infantís e estudos literarios. Na súa obra hai que destacar traballos como Palabra de Honor, Mesteres, La oscura protesta, Liturxia do corpo, Razón de iniquidad, Noite do degaro e Asedio de sombra; mentres que no segundo os máis relevantes son Bosque de Ouriol e As Roitas da Gamela.

No que se refire ós seus estudos literarios, a publicación máis sobresaínte é Diccionario metodolóxico da análise literaria, abordando figuras tan trascendentais como Otero Pedraio ou Luis Pimentel, malia que tamén abordou a obra doutros autores coma Rosalía de Castro, Celso Emilo Ferreiro, Ramón Cabanillas ou Eduardo Pondal. O conxunto da súa obra mereceu numerosos recoñecementos, como os premios Noriega Varela, Fiestas Minervales, Adonais, Ciudad de Melilla ou Tiflor.