Deputación de Lugo

O Barco Muralla da Deputación bota a áncora en Lugo coincidindo coas festas do San Froilán

- A aula lúdico-medioambiental estará dende o vindeiro domingo ao 12 de outubro na capital luguesa, onde se agarda a visita de milleiros de visitantes durante a celebración do San Froilán, festa de Interese Turístico Nacional
- A praza do Cantiño da cidade será a oitava parada do Barco nesta tempada, que continuará coa súa ruta por máis de 70 localidades e numerosos centros escolares de toda a provincia
- A bordo do Barco Muralla viaxan os libros oficiais da UNESCO para asinar en apoio á candidatura da Ribeira Sacra como Patrimonio da Humanidade. Xa se recolleron máis de 40.000 sinaturas

O Barco Muralla da Deputación bota a áncora en Lugo, na praza do Cantiño da cidade, entre o antigo cárcere e o seminario, dende o vindeiro domingo ao 12 de outubro en horario de 10:00 a 14:00 horas e de 16:00 a 20:00 horas. Este é o oitavo amarre desta aula lúdico-medioambiental ambientada nos barcos da Mariña, que chega á capital luguesa tras a visita de máis de 9.200 persoas nesta nova tempada posta en marcha hai 2 meses.  Nesta parada agárdanse milleiros de visitantes, xa que a súa estancia coincide co San Froilán, festa de Interese Turístico Nacional.

A aula turística, financiada nun 80% por fondos europeos a través do programa Lug02, xa aproveitou varias citas festivas destacadas para fondear en diversas localidades luguesas. O Barco Muralla navegou ata Meira coincidindo coa Festa da Malla, ata Monforte durante as festas patronais; ata Burela durante a Festa do Bonito e PRODUART, ata Foz na celebración do San Lourenzo e ata A Fonsagrada coincidindo coa feira.

Tras recalar na capital luguesa, o Barco partirá cara outros destinos da provincia ata amarrar en 70 localidades. Ademais, en resposta ás numerosas peticións por parte de asociacións de pais e nais e outros membros da comunidade educativa, a Deputación volverá a achegar o Barco ata centros educativos de Lugo. Alumnos de escolas de Outeiro de Rei, A Pontenova, Friol, Mondoñedo e Monterroso serán os primeiros en embarcarse nesta innovadora aula turística e medioambiental.

Un camarote para a Ribeira Sacra
A bordo do Barco Muralla viaxan os libros oficiais da UNESCO, nos que todos os que o desexen poderán deixar a súa sinatura en apoio á candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade. Recolléronse máis de 40.000 sinaturas dende outubro do pasado ano, momento no que arrancaba a campaña. Do mesmo xeito, a aula turística ofrece material informativo acerca da riqueza medioambiental da provincia, así como produtos autóctonos.