Deputación de Lugo

A Deputación evita un roubo no Centro de Interpretación de Terras do Miño grazas ao seu sistema de seguridade

Imaxe deputación de lugo
-  Ante a pasividade do Subdelegado do Goberno en Lugo, o organismo provincial reclama de novo máis medidas de seguridade na provincia
- A institución xa esixiu aos Gobernos central e galego que incrementen a seguridade logo de que os roubos aumentasen en Lugo nun 45% no último ano

A Deputación de Lugo evitou un roubo no Centro de Interpretación de Terras do Miño, situación no paseo do río Rato, grazas ao seu sistema de seguridade. Esta noite saltou a alarma do dispositivo que o organismo provincial instalou nesta zona da capital luguesa, alertando á Policía Nacional. Os axentes comprobaron que o sistema de seguridade impediu a entrada ao centro, así como danos materiais.

A Deputación, que xa denunciou o acontecido, reclama de novo ao Subdelegado do Goberno en Lugo máis medidas de seguridade ante os constantes roubos que teñen lugar na provincia, especialmente, en zonas con menos densidade de poboación, como esta zona periurbana da capital luguesa.

O organismo provincial insiste en que esta situación require que a Subdelegación do Goberno poña en marcha medidas de xeito urxente, posto que a solución non é investir máis cartos públicos en sistemas de seguridade.

O Goberno Provincial xa esixiu ao Delegado do Goberno en Galicia que incremento o número de efectivos das Forzas de Seguridade do Estado na provincia e a Feijóo que promova as esixencias necesarias ante o Executivo central para dotar a provincia, especialmente ao rural, dunha maior seguridade, ante o aumento da criminalidade.

Segundo datos do Ministerio do Interior, os roubos con violencia e intimidación aumentaron na provincia nun 45% no último ano. Os Presupostos do Estado para 2014 recollen o recorte de máis de 5.000 axentes no país (4.000 efectivos da Policía Nacional e 1.137 da Garda Civil). Ante esta situación, o Executivo de Gómez Besteiro presentou unha moción ao Pleno de setembro con ditas esixencias que foi aprobada por unanimidade a pesares de que o PP puxo entredito os datos publicados e presentados polo Goberno Central no Congreso.