Deputación de Lugo

Consumo responsable e aproveitamento dos recursos naturais, dúas das máximas da Deputación de Lugo

-Gómez Besteiro avogou no V Congreso  Galego de Medio Ambiente e Saúde por elaborar políticas “que afonden no coidado e no consumo responsable dos recursos do país”
-O congreso, que se celebrará na sede da Xunta de Galicia en Lugo entre hoxe e 16 de outubro, ten como fin abordar e debater algúns dos problemas ambientais prioritarios que hai en Galicia
-No acto tamén se lle fixo entrega ao Presidente da medalla do Programa Galego Municipios Saudables e Sostibles, que recoñece o seu labor e compromiso co eido medioambiental

O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, participou esta mañá na sesión inaugural do V Congreso Galego de Medio Ambiente e Saúde, xornadas divulgativas coas que colabora o organismo provincial e que terán lugar na sede da Xunta de Galicia en Lugo que arrincan hoxe. Na súa intervención, Gómez Besteiro afirmou que “debemos traballar para manter e preservar os recursos naturais da provincia”, e que, “se hai algo seguro é que o futuro de Galicia vai ligado ao desenvolvemento do rural sostible”. O mandatario provincial destacou tamén que a Deputación ten como principal liña de traballo “o aproveitamento dos recursos naturais da provincia para mellorar a calidade de vida dos veciños e conseguir xerar riqueza”. Gómez Besteiro afirmou tamén que “unha das posibles saídas da crise radica no compromiso firme co medio ambiente e coas prácticas socialmente  responsables”

Estas xornadas teñen como finalidade abordar e debater algúns dos problemas ambientais prioritarios e máis importantes que ten a sociedade actual, con especial fincapé en Galicia. Este V Congreso Galego de Saúde e Medio Ambiente busca unir esforzos por parte de responsables políticos, empresarios, científicos, educadores, ecoloxistas e comunicadores, así como de todos os cidadáns, a favor de conseguir, por unha banda, un medio ambiente máis saudable e sostible para todos os galegos e galegas e por outra, un mellor legado para as vindeiras xeracións.

Medalla de Prata
Na sesión inaugural do V Congreso Galego de Medio Ambiente e Saúde fíxose entrega das Medallas de Prata do Programa Galego Municipios Saudables e Sostibles, condecoración que, entre outros galardoados, recibiu Gómez Besteiro en recoñecemento ao seu labor e compromiso co eido medioambiental e coas prácticas sostibles.