Deputación de Lugo

A Deputación pon en marcha o NutreTIC, programa de promoción de hábitos saudables para maiores a través das novas tecnoloxías

-A institución provincial achega 20.000 euros para levar a cabo este plan que se realizará no Centro de Innovación Social Inlugo entre os meses de outubro e decembro
-Álvaro Santos salientou que “con esta actividade fomentamos hábitos alimentarios saudables ó tempo que lle damos máis autonomía ós maiores da provincia no eido das TIC”    
-O prazo de inscrición para os obradoiros e xornadas de sensibilización sobre alimentación está aberto en www.deputacionlugo.gal, onde está dispoñible máis información sobre o programa

O Deputado de Cooperación e Asistencia ós Concellos, Álvaro Santos Ramos, e o Director de Fondos Europeos, Pablo Rivera, estiveron este luns con algúns dos participantes dos cursos que a Fundación TIC organiza no Inlugo. Con esta iniciativa, a institución provincial ofrece preto de 400 prazas gratuítas para promocionar entre os maiores da provincia a educación nutricional a través das novas tecnoloxías. Durante a visita, o Deputado salientou que con esta iniciativa “fomentamos hábitos de consumo saudables ó tempo que formamos ós maiores nas TIC dándolles así máis autonomía neste eido”. Pola súa banda, o Director de Fondos Europeos quixo destacar o compromiso da Deputación cos maiores e lembrou que “nos anteriores obradoiros do Inlugo, en 3 días inscribíronse máis de 550 persoas, as cales superaron amplamente o número de prazas dispoñibles, xerando así listas de espera”, o que demostra “o interese dos lucenses máis vetaráns polas actividades que a institución provincial ofrece”.

O proxecto, organizado pola Fundación TIC e financiado integramente polo organismo provincial con preto de 20.000 euros, está composto por 40 obradoiros, dos que 5 se levarán a cabo en diferentes puntos da provincia, e 3 xornadas de sensibilización sobre a alimentación, que terán lugar no Centro de Innovación Social Inlugo. As actividades realizaranse ata finais de decembro e os participantes aprenderán os principios de alimentación e nutrición; a clasificación dos alimentos; tipos de dieta e etiquetado aplicando as novas tecnoloxías como, por exemplo internet, que servirá de ferramenta para buscar alimentos e facer a compra online. Nos talleres crearase vídeos-recetarios e un blog no que se irán compartindo os contidos do curso se colgarán tamén receitas, dietas e consellos nutricionais.
Mais obradoiros
O prazo de inscrición nestas actividades está aberto na web www.deputacionlugo.gal, onde está dispoñible máis información sobre estes cursos, datas e lugares de celebración. En canto ós horarios, os obradoiros celebraranse entre as 11:00 horas e as 13:00 horas e de 16:30 horas e as 19:30 horas. Estas actividades non teñen límite de prazas.