A Deputación felicita ao Concello de Palas de Rei por rectificar e anunciar o arranxo do tramo municipal da 4011
![Imaxe deputación de lugo](/sites/deputacionlugo.org/files/default_images/depulugo001.jpg)
A Deputación felicita ó Concello de Palas de Rei por rectificar tras anunciar que arranxará o treito da estrada 4011 que é de titularidade municipal. Así o manifestou este martes o voceiro provincial socialista. Manuel Martínez destacou que por fin chegou o día no que Partido Popular decide asumir as súas competencias nalgunha cuestión. Iso si, faino logo de botar balóns fóra e culpar á Deputación de Lugo, presentando unha moción de urxencia no Pleno Provincial co única intención de enganar ós máis de 250 veciños que reclamaron ao Concello que mellore desta vía ante o estado de abandono no que a ten.
O Concello de Palas de Rei é titular do treito da 4011 que discorre dende A Avieira ata Tarrío e que se atopa en malas condicións. Pola súa banda, a Deputación é responsable do treito dende A Avieira ata o cemiterio e que está en boas condicións, froito dos traballos executados polo actual Goberno Provincial.
O organismo provincial investiu 180.000 euros no arranxo de parte do tramo da súa responsabiliadade, concretamente, dende o punto quilométrico 0,187 ao 0,637. Ademais de mellorar o firme con aglomerado en quente, incrementar o ancho da estrada a 6 metros, realizar as tarefas de saneamento, canalización de augas pluviais, pintado horizontal e vertical; a institución dotou a este vial provincial de beirarrúas, así como dun acceso peonil para facilitar o acceso ao cemiterio e garantir a seguridade dos viandantes.