Deputación de Lugo

A Deputación inviste 500.000 euros no plan de impulso do Campus de Lugo

- Do 29 de setembro ó 1 de outubro incluído, a Deputación ofrece novos descontos do 50% na matrícula da USC en Lugo, dos que xa se beneficiaron 145 estudantes en xullo - Novo aforro de 60.000 euros ó ano en telefonía e Internet de calidade para 48 Consistorios e 48 prazas wifi municipais, beneficios da contratación conxunta destes servizos

500.000 euros é o orzamento que achega a Deputación ó plan de impulso do Campus de Lugo, que contempla un total de 13 medidas. Así o adiantou hoxe o voceiro provincial socialista, Manuel Martínez, logo de que a Xunta de Goberno aprobase os convenios correspondentes coa USC das primeiras medidas postas en marcha: a campaña de difusión de Lugo como cidade universitaria, #paraestudarlugo; e as bolsas para gastos de matrícula.

Martínez adiantou que dende o 29 de setembro ó 1 de outubro incluído, período da nova fase de preisncrición na USC, a Deputación ofrece máis descontos do 50% nos custes da matrícula ós estudantes que se incorporen a 7 graos do Campus de Lugo: Enxeñería en Procesos Químicos Industriais; Enxeñaría Civil; Enxeñaría en Xeomática e Topografía; Enxeñería Agrícola e Agroalimentaria; Enxeñaría Forestal e do Medio Natural; Lingua e Literatura Españolas; Ciencias da Cultura e Difusión Cultural. Xa se beneficiaron destas bolsas 145 persoas que se matricularon en xullo. 

A Deputación, en colaboración co Campus de Lugo, continúa coa campaña #paraestudarlugo, que ten 3 obxectivos: a promoción da calidade de vida de Lugo, do Campus lucense como destino para os novos universitarios, ó ter unha das ofertas máis plurais de Galicia, e da matriculación en determinados graos. O microsite http://paraestudarlugo.com recolle as principais características que definen á cidade e ó Campus. Pódese atopar máis información en http://paraestudarlugo.com, nas contas de Twitter da USC (@UniversidadeUSC) e da Deputación de Lugo (@depulugo), así como na páxina de Facebook do organismo provincial, https://www.facebook.com/diputacionlugo.

13 medidas
Ademais das bolsas para gastos de matrícula e da campaña de difusión do Campus de Lugo, a Deputación financiará con estes 500.000 euros máis medidas, que se materializarán en vindeiros convenios de colaboración coa USC. Son en total 13:

  1. Realización dun plan de promoción de Lugo como cidade universitaria e das titulacións do Campus de Lugo.
  2. Determinación dun plan de bolsas para gastos de matrícula nas titulacións con problemas de demanda.
  3. Plan de captación de estudantes doutras nacionalidades.
  4. Desenvolvemento dun plan de apoio para as prácticas de campo.
  5. Determinación dun plan de bolsas de investigación en grupos.
  6. Fomento das titulacións de Máster.
  7. Potenciación para a realización de cursos de verán na provincia de Lugo.
  8. Estudo sobre a posibilidade de utilizar a Granxa Gayoso Castro para a realización de prácticas universitarias.
  9. Impulso da docencia semipresencial ou a distancia mediante a implantación de novas tecnoloxías.
  10. Incentivos de Traballos de Fin de Grao e Traballos Fin de Máster.
  11. Impulso da divulgación científica e a captación de novos talentos.
  12. Estudo sobre a posibilidade de incrementar os fondos existentes na Biblioteca     Intercentros do Campus de Lugo.
  13. Análise das infraestruturas deportivas e docentes.

Aforro en gastos correntes
A Xunta de Goberno aprobou a contratación nun mesmo prego dos servizos de telefonía fixa e móbil para o organismo provincial, e de banda longa para a Deputación, 48 Casas Consistoriais e 48 prazas públicas wifi municipais. Martínez salientou os beneficios desta contratación conxunta:

1.- “Un novo aforro de 60.000 euros nos custes de telefonía, que se engaden ós preto de 130.000 que conseguimos nos dous últimos anos, fixando cotas límite de consumo ou reducindo as liñas, entre outras medidas, sumando, polo tanto, un aforro de 180.000 euros ó ano nestes gastos correntes”. 

2.- “Conseguimos a mellor rede interadministrativa dunha entidade pública en Galicia, capaz de levar conexión wifi cunha velocidade entre 100 e 50 megas a lugares orográficamente complexos entre os 48 Consistorios e 48 prazas wifi ós que prestamos este servizo”.

Sinalización Reservas
A sesión aprobou un novo plan de sinalización para Terras do Miño e Os Ancares Lucenses, dotado de 60.000 euros. Faino logo de que a Deputación de Lugo se convertese en 1 das 4 administracións de España que xestionan Reserva da Biosfera que acada fondos do Organismo Autónomo Parques Nacionais (OAPN). Foron 45 as administracións que optaron ás axudas deste organismo do Ministerio de Medio Ambiente.

Son 50.000 euros os que achega o Ministerio, orzamento que o actual Goberno Central recortou nun 95%, pois o anterior Executivo Estatal concedeu un total de 1.175.000 euros na convocatoria previa a esta. A Deputación achega 10.000 euros de fondos propios.

O organismo provincial reforza con estes 60.000 euros a sinalización das Reservas da Biosfera, posto que xa situou máis de 80 sinais en vías de accesos e puntos naturais dos 29 Concellos que integran Terras do Miño e Os Ancares Lucenses. Fíxoo cos citados fondos concedidos polo anterior Goberno Central.