Deputación de Lugo

A Deputación impulsa a candidatura da Ribeira Sacra e promociona os produtos autóctonos no Rallye San Froilán

- A 36ª edición da proba incorpora ó seu nome o de Trofeo Ribeira Sacra e o Presidente da Deputación entregará ós vencedores 40 lotes de degustación de produtos de calidade na entrega de trofeos que se celebrará o día 7 de setembro- O organismo provincial aproveitará a presenza de afeccionados para seguir sumando sinaturas de apoio á candidatura nos libros oficiais, logo de sumar máis sinaturas ás 40.000 recollidas ata agora nos libros oficiais

A Deputación promocionará novamente os produtos autóctonos de calidade e a candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade na 36ª edición do Rallye San Froilán, que incorpora por primeira vez ó seu nome o de Trofeo Ribeira Sacra. Así, na  entrega de trofeos, que se celebrará o día 7 de setembro ás 12:30 horas no Centro Comercial As Termas, na capital luguesa, o Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, entregará ós vencedores 40 lotes de degustación destes produtos.

Deste xeito, aproveitando o numeroso público que adoita congregar esta proba, que foi presentada hoxe nun acto que tivo lugar diante do Pazo de San Marcos e na que participou a Vicepresidenta Segunda, Lara Méndez, o autobús rotulado da campaña de apoio popular á candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade estará xa o venres día 5 no parque pechado que instalará a organización no centro comercial As Termas, para trasladarse despois ata o polígono industrial das Gándaras, e voltar ata a explanada do centro comercial, onde permanecerá durante a fin de semana.

Máis 40.000 sinaturas

A institución luguesa iniciou en outubro do pasado ano unha campaña de recollida de sinaturas para sumar apoios á candidatura da Ribeira Sacra, sendo máis de 40.000 as persoas que xa asinaron nos libros oficias da UNESCO. Moitas destas sinaturas sumáronse grazas a GADIS e FADEMUR, cuxo apoio logrou sumar a Deputación de Lugo. Así, 51 establecementos de GADIS en Lugo e Ourense contaron cos libros oficiais, e as máis de 12.000 mulleres de toda Galicia que integran FADEMUR incorporaron esta iniciativa na súa campaña Son de campo, coa que pretende visualizar a produción rural.