Deputación de Lugo

A TIC colabora mañá coa Cruz Vermella na difusión do aniversario máis solidario da Muralla

Imaxe deputación de lugo
- O evento benéfico prevé reunir este domingo a unhas 2.000 persoas con paraugas vermellos no adarve do monumento romano no día que se cumpren 14 anos da súa declaración como ben Patrimonio da Humanidade
- A Fundación elaborará unha ampla reportaxe e tomará imaxes aéreas do evento que porá a disposición dos medios que o soliciten en produccion.cpp@fundaciontic.org
- Os fondos que se recaden con esta iniciativa a través da venda dos paraugas, a un custe de 3 euros, destinaranse á campaña contra o ébola que promove a organización humanitaria

A Fundación TIC colabora coa Cruz Vermella na difusión do evento solidario que esta organización celebra mañá con motivo do 14º aniversario da declaración da Muralla como Patrimonio da Humanidade pola UNESCO co fin de recadar fondos na loita contra o Ébola.

Un equipo da TIC gravará o evento, que prevé reunir a dúas mil persoas na Muralla portando paraugas vermellos, para divulgalo a través das redes sociais. Ademais, tomará imaxes aéreas que porá a disposición de todos os medios de comunicación que o soliciten previamente. Os medios interesados poden facelo a través do correo produccion.cpp@fundaciontic.org.

O apoio da Fundación á Cruz Vermella Lugo é unha nova mostra do traballo de colaboración que a TIC está a levar a cabo con asociacións da provincia sen ánimo de lucro para promover o labor destas organizacións a través da difusión de produtos audiovisuais ou de apoio técnico. Na actualidade, son máis dun centenar de entidades coas que colabora a TIC.

Proxección da muralla e solidariedade
Cruz Vermella Lugo, co apoio da TIC e do resto de colaboradores nesta iniciativa, está a convocar a centos de voluntarios para que este domingo uns dous mil lucenses levanten conxuntamente desde o adarve paraugas vermellos, a cor que simboliza á ONG, para bordear o perímetro da muralla. O fin é obter unha imaxe aérea multitudinaria para acadar a maior proxección do monumento romano no exterior. A organización destinará os fondos que se recaden coa venda dos paraugas, que terán un custe de 3 euros, á campaña contra o ébola que ten en marcha.

O acto terá lugar dende as 12.00 ás 14.00 horas. Poderase acceder ó adarve e recoller os paraugas nos seguintes puntos: Porta Santiago, Campo Castelo, Praza do Cantiño, Rúa do Teatro, Praza do Ferrol, Rúa Nova e Rúa da Tinería.

150 anos de acción humanitaria
A Cruz Vermella, que naceu en 1864, atende cada ano a máis de 5 millóns de persoas en España e ten presenza en máis de 35 países. Estas cifras son posibles grazas ós máis de 200.000 voluntarios, empregados, socios e colaboradores que, de forma altruísta, traballan na organización humanitaria, e ás achegas económicas de administracións, empresas e cidadáns anónimos.