Deputación de Lugo

A Deputación inicia as reunións con Alcaldes e servizos sociais municipais para poñer en marcha as primeiras residencias con centros de día da rede

- Pilar García Porto mantivo hoxe unha xuntanza cos Alcaldes de Castroverde, A Fonsagrada e Trabada, e os servizos sociais destes Concellos para darlles a coñecer as liñas principais do futuro regulamento de funcionamento das dotacións, “garantindo sempre o seu carácter público”
- Os tres rexedores amosáronse de acordo en pedir a colaboración do  Goberno de Núñez Feijóo con este proxecto concertando prazas, o que a Deputación trasladará ao Executivo autonómico
- A Deputada avanzou que a vindeira semana terá lugar unha xuntanza entre técnicos da Deputación, técnicos municipais e representantes da plataforma cidadá guitiricense Falemos Claro para impulsar o proxecto da Casa da Botica

A Deputada de Economía, Recadación e Facenda, Pilar García Porto, acompañada de técnicos provinciais, mantivo hoxe una reunión cos Alcaldes dos Concellos de Castroverde, A Fonsagrada e Trabada, José María Arias Fernández, Argelio Fernández Queipo e José Manuel Yánes Ginzo, respectivamente, así como cos responsables dos servizos sociais destes Concellos.

O obxecto da reunión foi darlles a coñecer as que serán as liñas fundamentais do regulamento de funcionamento das residencias con centros de día da rede pública que a Deputación de Lugo está a construír nestes tres municipios, así como outros aspectos relativos aos criterios de admisión ou a selección do persoal que prestará servizos nestas instalacións, “garantindo sempre o seu carácter público”, tal e como subliñou a Deputada.

García Porto quixo agradecer “actitude construtiva” dos Alcaldes de Castroverde, A Fonsagrada e Trabada, así como dos seus técnicos de servizos sociais, “o que amosa a súa implicación con este proxecto de rede pública de residencias con centros de día, e exemplifica o noso desexo de escoitar de primeira man as aportacións que eles, e os seus técnicos de servizos sociais, poidan facer para xestionar da mellor maneira posible esta rede”. Pola súa banda, durante a reunión os Alcaldes coincidiron en pedir, unha vez máis, a colaboración do Goberno de Núñez Feijóo coa rede pública de residencias con centros de día da Deputación concertando prazas, o que a institución provincial trasladará ao executivo autonómico.

Trátase do primeiro dos encontros que os responsables provinciais manterán con rexedores e servizos sociais daqueles Concellos nos que se ubicarán estas dotacións públicas. Estes tres Concellos foron os primeiros en tomar parte nesta xuntanza posto que se trata dos municipios nos que as obras de construción se atopan máis avanzadas e, polo tanto, a súa data de apertura está máis próxima.

Estado das obras
As obras das residencias con centros de día dos Concellos de Castroverde, A Fonsagrada e Trabada, son as que, neste momento, están máis avanzadas.
En canto á de Castroverde, ubicada no centro da vila, entre as rúas Santiago e Alcalde Xesta, só resta instalar os solados, carpinteiría interior e pintura para o seu remate. A situación é a mesma que a dotación da Fonsagrada, e esta ocupará o edificio da Fundación Rois de la Peña. No caso da residencia con centro de día de Trabada, situada a carón do centro sociocultural da localidade, tamén se atopa moi avanzada, posto que xa se está rematando coa colocación de ladrillos e os peches.

A Deputación de Lugo está a financiar en solitario este proxecto de rede pública de residencias con centro de día, mediante unha achega de 9,3 millóns de euros, de xeito que, unha vez rematada os maiores da provincia disporán de 342 novas prazas á súa disposición e 140 novos postos de traballo.

Xuntanza de traballo na Deputación
Precisamente respondendo a ese ánimo de colaboración, Pilar García Porto anunciou que a vindeira semana celebrarase na Deputación de Lugo unha reunión na que tomarán parte técnicos do organismo provincial, técnicos do Concello de Guitiriz e representantes da plataforma cidadá Falemos Claro, co obxectivo de impulsar o proxecto de centro de día con residencia pública na Casa da Botica.

Deste xeito, a Deputación dá resposta inmediata á petición realizada por este colectivo guitiricense.