Deputación de Lugo

A Deputación, principal patrocinadora da Travesía de Foz desta fin de semana, con 7.000 euros

Imaxe deputación de lugo
- A cita deportiva reunirá o vindeiro sábado a máis de 350 palistas de clubs galegos e nacionais e a miles de afeccionados ao piragüismo na Mariña
- Rivera Capón destacou que “é a terceira proba deste tipo máis lonxeva de España e a segunda de Galicia, dende que se organizou por primeira vez no ano 1962 veuse disputando de maneira ininterrompida ata a actualidade”
- O organismo provincial colabora na celebración deste evento, puntuable para a Liga Galega de Piragüismo, cunha axuda de 7.000 euros

O Deputado de Deportes, Pablo Rivera Capón, presentou este mércores a 54 edición da Travesía de Foz, que se celebrará o vindeiro sábado 17 e que reunirá a máis de 30 clubs e 350 competidores, atraendo a un grande número de afeccionados e espectadores. A Deputación de Lugo é a principal patrocinadora destra proba deportiva, pois achega 7.000 euros, mentres que o Concello de Foz aporta 5.000 euros e a Xunta 1.500. No acto tamén participaron o presidente da Federación Galega de Piragüismo, Alfredo Bea García; o delegado provincial da Federación, Martín Carballo Méndez; e o presidente do Club Kayak Foz, Nacho Romillo, entre outras autoridades.

Rivera Capón destacou que a Travesía de Foz “é a terceira proba deste tipo máis lonxeva de España e a segunda de Galicia. Dende que se organizou por primeira vez, no ano 1962, veuse disputando de maneira ininterrompida ata a actualidade,  o que amosa que é xa unha cita consolidada no calendario deportivo galego e nacional. Estou seguro que esta cita reunirá un ano máis a miles de afeccionados ao piragüismo, convertendo esta 54 edición en todo un éxito”.

Programación
A partir das cinco da tarde do sábado, dará comezo unha nova edición da popular e prestixiosa Travesía de Foz de piragüismo. Á representación galega sumaranse este ano clubs de Asturias e Zamora. A proba é puntuable para a Liga Galega de piragüismo, que pertence ao Grupo 1, converténdoa nunha das competicións con maior cantidade de puntos a repartir, e polo tanto do máximo nivel.

A saída e a meta situaranse na explanada portuaria de Foz. En total, as embarcacións deberán completar un percorrido de 12 quilómetros. As saídas faranse de xeito gradual: primeiro competirán os K2, despois farano os K1 masculino, a continuación os K1 femininos, e por último as canoas. Finalmente, na Praza Conde de Fontao sobre as 19.00 horas terá lugar a entrega de premios aos gañadores.