Deputación de Lugo

Gómez Besteiro inaugurou en Ourense a exposición do Concurso Fotográfico Ribeira Sacra Patrimonio da Humanidade

- Gómez Besteiro, acompañado de Baltar Blanco e Vázquez Barquero, inaugurou esta exposición  organizada por El Progreso e La Región que busca sumar apoios na candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade - O mandatario provincial destacou que “para conseguir este distintivo internacional é fundamental o apoio entre institucións, pois este é un reto colectivo e o éxito pasa pola unidade” - A Deputación de Lugo conseguiu case 50.000 sinaturas a través do bus itinerante da Ribeira Sacra que chegou este mes á Cidade das Burgas

O Presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, acompañado do Presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar Blanco, e do Concelleiro de Facenda, Ángel Vázquez Barquero, inaugurou este xoves en Ourense a exposición do concurso fotográfico organizado por El Progreso e La Región Ribeira Sacra Patrimonio da Humanidade. Con esta actividade búscase continuar sumando apoios para conseguir que esta zona conte co distintivo de Patrimonio da Humanidade, que avala a calidade deste espazo natural compartido entre as provincias de Lugo e Ourense.

Gómez Besteiro destacou que “esta exposición é unha marabilla física, cultural e histórica que lonxe de separarnos únenos aínda máis” e que “o que aquí facemos é declarar o orgullosos que estamos da Ribeira Sacra e do obxectivo de loitar xuntos para conseguir o distintivo internacional”. O Presidente valorou que este “é un reto no que estamos implicados todos e no que queremos xuntar canta máis xente mellor” e afirmou que “queremos que todo o mundo coñeza a riqueza deste espazo natural que une as dúas provincias galegas”

O Presidente da Deputación de Lugo informou tamén que a campaña de sensibilización posta en marcha dende o organismo provincial xa chegou “fóra das nosas fronteiras” pois o bus da Ribeira Sacra, que promociona tamén os produtos típicos da provincia, desprazouse a Cataluña onde recabou miles de apoios. Do mesmo xeito, a Cidade das Burgas recibiu este autobús conseguindo acadar actualmente “preto de 50.000 sinaturas” o que demostra o interese das galegas e galegos de converter á Ribeira Sacra nun espazo protexido e recoñecido internacionalmente.

Pola súa banda, Baltar Blanco agradeceu  a presenza de Gómez Besteiro no acto e salientou que “declarar Patrimonio da Humanidade á Ribeira Sacra significa beneficios para as dúas provincias, beneficios non só medioambientais senón tamén culturais e económicos”

Promoción dos produtos de Lugo
A Deputación de Lugo desprazou á cidade de Ourense o autobús da Ribeira Sacra, unha iniciativa promocional de recollida de sinaturas que pon en valor tamén os produtos da provincia abrindo novos vías de comercialización. Outra das finalidades do autobús é a promoción dos produtos típicos e tradicionais da provincia de Lugo, o que axuda a abrir novas canles de comercialización. De feito, as persoas que se achegaron ao bus durante este mes, entrarán nun sorteo de varios lotes de cestas con produtos da provincia, para continuar impulsando este sector fora das fronteiras da provincia.