Deputación de Lugo

García Porto: “Mentres a xente loita por chegar a fin de mes, o PP ten miles de euros para gastar en publicidade falsa”

Imaxe deputación de lugo
- “Os cidadáns agardamos que o Partido Popular explique de onde proveñen os cartos, que saquen xa as facturas, sobre todo tendo en conta que falamos dun partido continuamente ligado a supostos manexos ilícitos de diñeiro”, subliñou a Deputada de Economía - “Se ao PP lle importaran os lucenses, esixiría a Feijóo que dote dunha vez ao HULA dos servizos de Radioterapia, Medicina Nuclear e Hemodinámica, como fixo onte o Presidente no Parlamento” - “Os populares teñen que recorrer á mentira e ao carrexo de votos, porque coa verdade na man non son capaces de rebater que a Deputación viviu unha mellora extraordinaria en calidade democrática e transparencia, xestión económica e investimentos”

A Deputada de Economía, Recadación e Facenda, Pilar García Porto, considera “realmente curioso ver como, mentres a xente loita por chegar a fin de mes, o Partido Popular ten miles de euros para gastar en publicidade falsa”. Deste xeito, engadiu, “os cidadáns agardamos que o PP explique de onde proveñen os cartos, sobre todo tendo en conta que falamos dun partido continuamente ligado a supostos manexos ilícitos de diñeiro”. “Deben sacar xa as facturas desta e das anteriores ocasións que gastaron en propaganda, porque non é a primeira vez, e explicar publicamente como as pagan”, aseverou.
“No día no que Gómez Besteiro acude ao encontro para o que o chamou Núñez Feijóo, o PP gasta miles de euros en propaganda para acusalo de despilfarro. Que xulguen esta actuación os propios cidadáns”, afirmou a Deputada.
“Mentres 23.708 lucenses queren traballar e non poden, e mentres hai 8.500 fogares con fillos que sofren pobreza severa na provincia debido aos recortes brutais e a nefasta xestión da crise que fan os Gobernos de Rajoy e Feijóo, o Partido Popular dedícase a gastar diñeiro en publicidade falsa contra o que considera o seu inimigo para tratar de enganar aos cidadáns e tapar as súas vergoñas. Non o conseguen, teñen menos credibilidade que o seu gran colega, o pequeno Nicolás”, asegurou García Porto.
“Ao PP non lle importan os lucenses, senón unicamente gañar as eleccións, por iso recorren á mentira e ao carrexo de votos. Se realmente lle preocuparan os veciños da provincia, esixirían a Feijóo que dote dunha vez ao HULA dos servizos de Radioterapia, Medicina Nuclear e Hemodinámica as 24 horas, tal e como fixo onte o Presidente da Deputación no Parlamento, demostrando o seu compromiso con Lugo e cos lucenses”, argumentou a Deputada. “Para iso, o PP non move nin un dedo”, engadiu.
“As prioridades do PP non son o emprego nin o benestar social”
A actuación dos populares volve a deixar claro cales son as súas prioridades. “Non é o emprego. Dende que goberna Feijóo recortaron os fondos un 54% e Rajoy rebaixounos no 2015 en 4.500 millóns, deixando á xente sen traballo totalmente desamparada”, recalcou. A diferenza “é abismal: no seu último ano de goberno na Deputación o PP destinou a emprego 18.030 euros, nós en 2015 dedicaremos 300 veces máis, 5,3 millóns de euros”.   
A prioridade dos populares tampouco é o benestar social. A Deputación comezou a investir en emprego, e tamén en servizos sociais “cando chegou este Goberno. De 515.000 euros no 2007 co PP, pasamos a case 3 millóns de euros no 2015”.
Como cambiou a Deputación
“O PP ten que recorrer á mentira, á manipulación, á opacidade e ao carrexo de votos porque coa verdade na man non é capaz de rebater que, co actual Goberno progresista, a Deputación viviu unha mellora extraordinaria, tanto en calidade democrática e transparencia, como en xestión económica e investimentos”, explicou García Porto.
A Deputación de Lugo é hoxe “unha institución moderna, transparente, eficaz, sensible ás demandas dos lucenses, tamén nos seus orzamentos, e que ademais xestiona ben os fondos públicos cunhas contas totalmente saneadas e estables”. Dende hai case 8 anos:
- Racionalizou os Gastos de Persoal ata baixalos en case 12 millóns de euros, sen recortar dereitos nin eliminar servizos.
- Foi a Deputación que máis reduciu en Gastos Correntes, 4,6 millóns de euros, e hoxe está entre as que menos porcentaxe do seu orzamento destina a este capítulo.
- O PP deixou presupostada no 2007 unha débeda de 122 millóns de euros. Este Goberno deixaraa a cero, é dicir, non lles quedará carga económica algunha ás xeracións futuras.
- Todo isto, mantendo ao mesmo tempo os investimentos. De feito, a de Lugo “é, con diferenza, a Deputación galega que máis inviste por habitante”, explicou García Porto.
Na Deputación de Lugo “demostramos que se goberna mellor desde a esquerda. Que hai unha alternativa clara, viable e solvente a unha dereita insensible, pechada en si mesma, que non fai máis que recortar dereitos aproveitando a crise para aplicar o seu ideario político máis radical, e que ademais se cruza de brazos ante a corrupción”, afirmou a Deputada.