Deputación de Lugo

A Deputación impulsa o estudo da natureza da provincia colaborando coa Estación Científica do Courel

- O organismo provincial fai unha achega de 34.000 euros para financiar parte das actividades formativas e de investigación que a Universidade leva a cabo na Comarca lucense - Lara Méndez destacou que “a través desta achega pomos en valor a riqueza natural da provincia, concienciando aos lucenses da importancia de preservar e manter o medio” -Esta colaboración inclúese dentro da aposta da Deputación de establecer ao medio ambiente como o factor clave para xerar riqueza e fixar poboación en toda a provincia

A Vicepresidenta Segunda, Lara Méndez, acompañada do Vicerreitor de Desenvolvemento Científico e Tecnolóxico do Campus de Lugo, Andrés Barreiro Lois, e o Director da Estación Científica da Universidade de Santiago de Compostela, Antonio Regueiro, visitou este luns as instalacións do centro de investigación da Montaña lucense que pon en valor os recursos naturais da provincia. A Vicepresidenta informou que a través desta colaboración, que ascende aos 34.000 euros, garántese “a viabilidade e supervivencia dos proxectos da estación”.

Lara Méndez salientou durante a visita que “ a Estación Científica do Courel pon en valor a riqueza natural da nosa provincia a través de actividades lúdico-didácticas e de investigación coas que se conciencia ás veciñas e veciños sobre a importancia de preservar e manter o medio que nos rodea”. Méndez valorou tamén que “a de Lugo é unha das provincias máis comprometidas co sector medioambiental, para establecelo como un dos piares de crecemento económico e demográfico da provincia”.

A Vicepresidenta reiterou que “a Deputación seguirá colaborando coa Universidade, xa que consideramos á educación pública e o I+D+i como os factores diferenciadores máis importantes dunha sociedade”. Do mesmo xeito a representante provincial lembrou que o organismo provincial é unha das administracións que máis aposta no eido medioambiental e salientou que “xestionamos 2 das Reservas da Biosfera que hai en Galicia, o que nos serve de aval para continuar apoiando a investigación e o estudo do patrimonio natural”.

Pola súa banda, tanto o Vicerreitor da USC, como o Director da Estación Científica do Courel, amosaron o seu agradecemento polo “incondicional apoio do ente provincial neste tipo de proxectos” e valoraron que “o compromiso co medio ambiente debe comezar dende as administracións públicas, que son as que deben impulsar e promover políticas de apoio a este sector”.

O obxectivo da Deputación é continuar colaborando coa USC para converter á Estación Científica do Courel, creada hai 4 anos grazas á Deputación e Universidade, como o centro de referencia en investigación e formación no ámbito da natureza, facendo especial fincapé no progreso económico e social da comarca do Courel, pondo e valor e dinamizando o importante patrimonio medioambiental que hai nesta zona.