Deputación de Lugo

A Deputación de Lugo iniciará a venda das súas accións do CD Lugo a petición do propio clube

Imaxe deputación de lugo
- Gómez Besteiro anunciou hoxe que esta saída do accionariado garantirá os intereses da provincia e da masa social, con total transparencia, mediante o sistema de concorrencia competitiva por concurso - “Comprometímonos con esta provincia para acudir en axuda do Lugo cando non tiñan posibilidades económicas, chegando onde outras Administracións non chegaron”, pero non “con vocación de permanecer no accionariado” - O organismo provincial encargarase de enaxenar os paquetes de accións de Deputación e Concello de xeito conxunto, o que suporá un paquete resultante de 1.500.000 euros equivalente ao 49,47% do capital social do clube

A Deputación de Lugo iniciará o proceso de venda do seu paquete de accións do Club Deportivo Lugo atendendo á petición, aprobada por unanimidade, do Consello de Administración do clube reunido hoxe. Esta venda prodúcese no momento máis axeitado, ante o bo momento que o clube está a atravesar e “porque así nolo pide o Club Deportivo Lugo e porque era o compromiso que tiñamos con todos os veciños da provincia”.

Así o anunciou hoxe o Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, quen destacou que “nos comprometimos con esta provincia para acudir en axuda do Lugo cando non tiñan posibilidades económicas, estivemos cando tocaba, chegando onde outras Administracións non chegaron, só Deputación e Concello”.

A entrada do organismo provincial no accionariado do CD Lugo foi acordada nun Pleno Extraordinario, en maio do pasado ano, mediante unha modificación do Orzamento da Deputación, que permitiu conceder unha aportación excepcional de 900.000 euros ao Club Deportivo Lugo. Esta compra permitiu a participación do clube de fútbol na Segunda División da Liga de Fútbol Profesional, pero, tal e como subliñou Gómez Besteiro “non era con vocación de permanecer no accionariado”, atendendo á vontade política de que unha Administración non sexa propietaria de clubes deportivos profesionais.

Limitacións na compra
Esta venda, que suporá a saída da institución luguesa do accionariado, realizarase garantindo os intereses da provincia e da masa social, sempre dende o respecto á lexislación societaria e patrimonial vixente, “con total transparencia, como sempre fai a Deputación”. O sistema de enaxenación das accións será o de concorrencia competitiva mediante concurso, posto que este é o único que pode ser condicionado, é dicir, no que a lexislación permite establecer determinadas limitacións e requisitos que os futuros compradores deberán cumprir.

Entre estas limitacións estarán, por unha banda, esixir que o futuro proxecto impida o risco da deslocalización do clube e, por outra, que asegure que, en calquera caso, este sempre manterá a súa identidade lucense, conservando o nome de Lugo.

No concurso valoraranse “outros criterios non puramente económicos” como, por exemplo, que o proxecto deportivo do comprador ou compradores manteña un elevado nivel de implicación co fútbol base, apostando pola canteira, ou que este permita a participación cidadá e busque a maior implicación posible de toda a sociedade lucense co CD Lugo.

Encomenda de xestión da venda
A Deputación será encargada de poñer á venda non só o seu paquete de accións, senón tamén o do Concello de Lugo, cun valor de 600.000 euros, logo de que este así o acordara en xunta de goberno esta mesma semana. Ademais, os responsables municipais anunciaron a súa intención de aprobar no vindeiro Pleno unha encomenda de xestión para que sexa a institución provincial a que se encargue de enaxenar ambos paquetes de xeito conxunto, o que suporá un paquete resultante de 1.500.000 euros, equivalente ao 49,47% do capital social do clube (o 29,68% correspondente á participación da Deputación e o 19,79% do Concello).

Esta encomenda será aprobada, previsiblemente, na Xunta de Goberno do venres 28 de novembro.