Deputación de Lugo

A Deputación de Lugo, referente no uso de Twitter en España

-O organismo provincial lugués, que vén de superar os 5.000 seguidores en Twitter, destaca como a primeira deputación de Galicia nesta rede social e unha das máis seguidas en España
-Noutras plataformas onde tamén ten presenza, como o blog, Facebook, YouTube ou Instagram, as comunidades creadas pola Deputación medran a un ritmo similar

A Deputación de Lugo segue apostando con éxito polos novos medios sociais. A súa conta oficial en Twitter, @depulugo, vén de superar a barreira dos 5.000 seguidores, demostrando que cada vez máis cidadáns da provincia consideran de gran utilidade estar en contacto permanente coa súa administración.

A transcendencia deste feito enténdese moito mellor tendo en conta o contexto en que se produce. En Pontevedra, por exemplo, son 4.130 os que seguen a conta da Deputación; Ourense suma 992 seguidores e a Deputación da Coruña ten 875 seguidores. No conxunto de España son poucas as deputacións que melloran os números de Lugo, e as que o fan corresponden a provincias moito máis poboadas, como Málaga, Valencia, Córdoba ou Granada.

Só durante o ano 2014, o perfil @depulugo publicou 2.200 chíos, que recibiron 1.554 rechíos e 1.027 favoritos. Esta incesante actividade nas redes sociais esténdese ao blog oficial da Deputación de Lugo, blog.deputacionlugo.org, que conta cada día con máis visitantes; ou á páxina en Facebook facebook.com/diputacionlugo, con 3.167 ‘gústame’ a día de hoxe. A canle en YouTube contén 584 vídeos que suman máis de 82.000 reproducións, mentres que o perfil aberto en Instagram, que foi o primeiro en España para unha administración provincial, acumula preto de 500 seguidores.

Este éxito explícase polo xeito no que a Deputación afronta a conversa coa súa comunidade: de maneira cercana, compartindo numerosa información sobre a provincia, ligazóns de interese, respondendo dúbidas e consultas, promovendo iniciativas… en definitiva, empregando estas ferramentas para mellorar a visibilidade da provincia e dos seus valores nas contornas dixitais e, ao mesmo tempo, facilitando a participación cidadá cunha comunicación inmediata, menos protocolaria e bidireccional.